Fina Lombardero: «Os nosos estudantes teñen un 100% de emprego porque a sociedade os necesita»
O mundo de Fina Lombardero é o noso. O de todos. O de sempre dende hai millóns de anos: alimentos, contorna, árbores e plantas... Adícase a estudalo e ensinalo na Universidade dende hai máis de 30 anos, o que a converteu en algo máis que unha referencia nos seus campos de coñecemento. Tamén nunha voz máis que autorizada.
O seu currículo impón. Doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, profesora titular no Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría no Campus Terra, un referente polas súas numerosas investigacións e publicacións en ámbitos como a Entomoloxía Forestal, a Sanidade Forestal, Defensas do arbolado, Cambio Climático ou Especies Invasoras. Mantén unha intensa colaboración neste campo con outros investigadores nacionais e internacionais con intereses semellantes.
Pero a súa vida vai moito máis aló da docencia e a investigación. Como non podía ser doutra forma, Fina vive nunha aldea cos seus cans: Nela e Tizón. Amante do sendeirismo e de traballar a horta, tamén adica tempo de lecer á restauración de pezas antigas. «Mobles, apeiros e ferramentas de campo de meus avós ou que atopei na casa cando cheguei a ela».
E ten una obsesión. Confesable, iso si. «Son afeccionada tamén a facer puzles, pero non poido facer moitos porque me obsesiono ata que os remato. Só podo dedicarme a eles en vacacións, non poido deixar un a medias!»
Conversar con ela do seu mundo, que en realidade é o noso, é moito máis que un pracer...
-Curculio elephas, Cydia splendana, Gnomoniopsis castaneae... Dende fóra, calquera podería pensar que o castiñeiro ten máis inimigos que un superheroe. Por que é así? Ten algo diferencial como especie para que as cousas saian así?
-Non, isto é absolutamente normal, tódalas especies vexetais teñen un número elevado de insectos, fungos e outros organismos que viven a expensas delas, forma parte diso tan marabilloso que chamamos biodiversidade. O que pasa é que de vez en cando algunha se convirte en praga ou enfermidade, pero isto case sempre dende a perspectiva do ollo humano. O castiñeiro produce suficientes castañas para reproducirse, dalle igual que unhas cantas sexan comidas por insectos. Pero ao home, produtor de castañas, non lle da tanto igual.
Moitos dos problemas que temos agora, sobre todo si falamos de especies nativas, son consecuencia dos cambios no modo de vida e uso que facemos do agro. As pragas das castañas abandonan a castaña unha vez caída ao chan e entérranse no solo.
Moitos dos fungos quedan nas follas, nos ourizos ou nas castañas que desbotamos no solo, e isto lles vai permitir recolonizar novas castañas no ano seguinte. Fai anos isto non ocorría porque se recollía todo, as castañas boas collíanse para alimentación humana e as danadas ou mal desenvoltas para alimentación animal, polo que chan quedaba case limpo e o risco de reinfección era máis baixo.
Isto en canto a especies nativas, pero os problemas máis graves do castiñeiro derivan da introdución de especies non nativas polo movemento de material vexetal e solos entre fronteiras, rompendo as barreiras naturais que existían (océanos, desertos montañas…) que non podía ser atravesadas por insectos u patóxenos e que o home derrubou. E estas son as que están causando os maiores danos.
-Por si fora pouco, xúntase tamén coa avespiña do castiñeiro, unha praga que afecta ao crecemento da árbore, diminúe a densidade de froitos e mesmo prexudica a produción apícola. Sei que tamén ten traballado moito neste campo. Pódese combater a este insecto cando o uso de insecticidas revelouse como ineficaz?
-Hoxe en día, o uso de insecticidas é a última das opcións que debemos contemplar no control de pragas, polos seus riscos medioambientais e para a saúde humana. No caso da avespiña, o seu uso sería incluso prexudicial, xa que pasa a maior parte da súa vida oculta nas xemas da árbore ou dentro das bugallas, polo que só poderíamos empregar insecticidas contra os adultos. Pero o voo deste insecto coincide ca floración do castiñeiro, polo que o uso de insecticidas podería afectar tamén aos seus polinizadores, incluídas as abellas e isto podería mermar a produción de castaña e mesmo do mel.
Afortunadamente, para a avespiña se pode empregar o control biolóxico.Coñécense inimigos naturais deste insecto como é a especie tamén introducida Torymus sinensis, que se alimenta das súas larvas causándolles a morte. Existen tamén especies nativas de parasitoides, que normalmente viven asociadas ás bugallas dos carballos, pero que foron quen de atopar a avespiña nos castiñeiros e que tamén axudan no seu control, especialmente cando os niveis de poboación son baixos.
A propia árbore ten tamén os seus mecanismos de defensa contra este insecto, por exemplo, é capaz de destruír parte dos ovos da avespiña dentro das xemas do castiñeiro no outono e inverno, impedindo que se formen as bugallas na primavera.
-Vostede ten investigado moito tamén sobre outra especie crítica da masa forestal galega como é o piñeiro. Cal diría que é o estado de salud desta especie nun territorio como Galicia? Mesmo tamén en Europa?
-En termos xerais, os piñeiros en Galicia gozan de boa saúde. É certo que puntualmente poden observarse danos importantes especialmente na especie introducida, Pinus radiata. En anos húmidos e frescos pode sufrir moitos ataques de fungos foliares, pero esta especie é bastante tolerante e ten capacidade para seguir medrando e compensar os danos.
En Europa depende da especie e a área xeográfica, cara a zona mediterránea están sufrindo problemas medioambientais por secas persistentes e en outras zonas por contaminación ou expansión do rango de distribución de algunhas especies mediterráneas por culpa do cambio climático ou igual que nós, pola introdución de pragas e enfermidades de outras áreas xeográficas.
-Árbores, fungos, insectos... E o clima? Que papel xoga no mundo da investigación na súa relación coa xestión forestal?
-O clima é moi importante por varios motivos. O cambio climático pode axudar a que especies secundarias se poidan converter en primarias. Como a Altica do carballo en Galicia, que se converteu nun problema importante desta especie en zonas quentes e secas que non son boas para o carballo pero son óptimas para o insecto.
A climatoloxía pode axudar a que sobrevivan máis insectos no chan durante o período invernal, sobre todo en anos con invernos secos e con temperaturas por encima do normal. Os períodos de seca estival poden prexudicar ás plantas facéndoas máis sensibles a pragas e enfermidades. As chuvias abondosas como as deste ano no momento da recollida de froitos, favorecen aos fungos e, por tanto, a podremia dos froitos, etc.
Ademais, estes cambios climáticos poden permitir o establecemento de especies non nativas que doutro xeito, a pesar de terse introducido, non poderían establecerse.
-Veremos máis pragas no futuro polo impacto do cambio climático?
-Para mín, no ámbito da sanidade forestal, neste momento é máis importante o fenómeno da globalización que o cambio climático, porque son as especies introducidas as que están causando maior impacto nas nosas masas forestais. Evidentemente, unha vez introducidas, as condicións climáticas favorables poden axudar a que se establezan e proliferen.
Pero é certo, como xa comentei, que as condicións climáticas poden facer que especies secundarias se convertan en praga, ben porque a árbore non aguanta esas condicións e se debilita, facéndose, por tanto, máis sensible a ataques. Ou ben porque as condicións climáticas favorecen a supervivencia e desenvolvemento dos insectos.
-Está a sociedade o suficientemente concienciada da importancia da sanidade forestal? Sen verde non hai paraíso...
-Eu penso que si hai preocupación entre produtores, propietarios e a Administración. Quizais non tanto na xente das cidades, un pouco máis desconectada do entorno rural.
Pero eu lles pido cada ano aos meus alumnos que fagan un exercicio de revisar as hemerotecas sobre problemas sanitarios no medio forestal que saen no periódico e sempre atopan algo. Ou sexa, que dalgún xeito chega ao público en xeral, aínda que quizais non son tan conscientes das repercusións que teñen no seu día a día, basicamente no encarecemento de prezos e deterioro da contorna.
-No Campus Terra levan moitos anos facendo un traballo investigador de moito valor. Cales diría que son os piares de toda esta acción?
-As veces me dá a impresión de que vivimos nunha sociedade a espaldas do sector primario. A xente non se lembra que para comer e para vivir necesitamos producir alimento e xestionar o territorio, e iso é o que se fai dende o Campus Terra: mellorar a produción animal e a produción vexetal dentro dun contexto de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente, propoñer iniciativas para mellorar as condicións de vidas no rural e fixar poboación.
Os eixos nos que se apoia o Campus Terra son a Produción Vexetal e Agricultura Sostible, Produción e Saúde Animal Sostibles, Alimentación Segura e Saudable e Xestión Forestal Sostible. Que pode haber máis necesario para que a sociedade siga funcionando?
-Sei que ao mellor esta que lle plantexo é unha visión un tanto romántica, pero o que fan é investigar e deseñar un futuro máis verde, máis sostible, en definitiva, mellor. Parécenos un argumento moi seductor para captar vocacións, non si?
-Como dicía antes, podemos ter polos tecnolóxicos, intelixencia artificial, drons e aeronaves, pero temos que comer, producir alimentos sans, madeira para unha construción máis sostible, mellorar as condicións de vida do rural, xestionar o territorio para obter produción, pero tamén desfrute, conservar e restaurar o medio no que vivimos, a paisaxe e o monte para que sigan cumprindo cos seus servicios ecosistémicos, dos que nos vamos a beneficiar todos. Esas necesidades van estar sempre aí.
Os nosos estudantes teñen un 100% de emprego porque a sociedade os necesita.
-Non debería ser Europa a vangarda mundial na xestión forestal? No desenvolvemento dunhas políticas e programas que acaben por ter un impacto a nivel global?
-A xestión forestal non entra no meu campo de especialización, pero Europa está a vangarda en cuestións de sanidade vexetal. Temos unha lexislación moi potente e un sistema de detección en fronteira, seguimento e vixilancia do medio pioneiro, só equiparable ao que ten EE.UU e Canadá ou Australia.
Aínda así se nos escapan moitos organismos que acaban entrando e causando un forte impacto no medio, especialmente de países cos que temos unha intensa actividade comercial como é China.
A asignatura pendente é establecer un sistema semellante ao que ten Europa pero a nivel mundial. A sanidade só pode abordarse globalmente. Isto evitaría un gran número de problemas, as veces devastadores.
A tinta do castiñeiro, sen ir máis lonxe, case leva a extinción do castiñeiro en Galicia fai un século e o cancro do castiñeiro matou uns 4.000 millóns de árbores en USA en 50 anos a principios do século pasado. Máis recentemente, case desapareceron os ulmeiros en Europa e en Norteamérica hoxe en día dan por perdido o freixo. Son realidades que penso que nos deberían facer reflexionar a próxima vez que viaxemos ou merquemos vexetais ou derivados fora da contorna.