Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

O Campus Terra desenvolverá unha ferramenta de rega de precisión que integre datos “a pé de parcela”

O desprazamento das estacións, os fenómenos extremos, o aumento das temperaturas, e a diminución de precipitacións poñen en risco a produción da vide
O desprazamento das estacións, os fenómenos extremos, o aumento das temperaturas, e a diminución de precipitacións poñen en risco a produción da vide
O grupo operativo PRERIVID do que a USC é coordinadora técnica contribuirá a crear unha viticultura máis sostible cun aforro de entre o 15 e o 20% dos recursos hídricos
Lugo

O Campus Terra da USC achegará solucións innovadoras ao sector vitivinícola mediante o desenvolvemento dunha ferramenta de rega de precisión que integre datos “a pé de parcela” a través do grupo operativo PRERIVID, do que é coordinador técnico. Actualmente, existen diversas ferramentas para a programación da rega, pero todas presentan limitacións: ou ben non teñen en conta todos os parámetros relevantes para estimar as necesidades de auga; ou ben utilizan datos “media”, que non reflicten a situación real de viñedos con necesidades de rega. Neste contexto xorde o proxecto PRERIVID, que involucra a profesionais da viticultura, tecnoloxía e investigación. O grupo operativo do que forma parte a USC traballará ao longo de catro anos cunha subvención de máis de medio millón de euros, cofinanciados nun 80% por fondos FEADER. 

“España é o primeiro país do mundo en canto a extensión de viñedo, con 955.000 hectáreas que supoñen o 28,9 % da superficie na Unión Europea e o 13 % do total mundial”, lembra o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Javier Cancela. A actividade vitivinícola no Estado supón o 2,2 % do PIB, “polo que é un sector de extraordinaria relevancia”. O cambio climático supón unha gran ameaza para o sector e expón numerosos retos. O desprazamento das estacións, os fenómenos extremos, o aumento das temperaturas, e a diminución de precipitacións poñen en risco a produción da vide: danan os cultivos, alteran a data de maduración da uva, e, sobre todo, limitan a dispoñibilidade da auga. Actualmente, dous terzos da superficie española atópase en risco de desertificación, existindo terras cultivadas que xa presentan problemas, e algúns estudos estiman unha redución do 20% de precipitacións anuais totais actuais para 2100. 

Para o profesor Cancela, “o reto de xestionar de forma eficiente uns recursos hídricos cada vez máis escasos esixe estimar as necesidades de auga do viñedo con precisión”. Neste senso, o obxectivo do proxecto é desenvolver unha ferramenta de xestión de rega de precisión que integre datos medidos a “pé de parcela” —relacionados coa planta, o solo, e a meteoroloxía— xunto coa climatoloxía global e as necesidades de rega ao longo de todo o ano, así como datos sobre prácticas agrarias cun impacto no consumo da auga. Deste xeito, PRERIVID contribuirá a crear unha viticultura máis sostible e mellorará a competitividade do sector nun contexto de escaseza de auga, xa que prevé un aforro de entre o 15 e o 20% dos recursos hídricos. 

Diferentes climas

PRERIVID desenvolverase en comunidades autónomas con diferentes climas —Galicia, Comunidade Valenciana e Castela e León— polo que os seus resultados serán extensibles a todo o sector viticultor e mesmo a outros tipos de cultivo. Para levar a cabo esta iniciativa, creouse un equipo multidisciplinar coordinado pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) no que tamén participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Grupo de Proxectos e Planificación da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo; bodegas Quinta Couselo, Quinta Sardonia, Bodegas Enguera, a compañía tecnolóxica Monet Tecnología e Innovación S.L., o Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela e León (ITACYL), a través do grupo de viticultura; o Centro sobre Investigaciones sobre Desertificación-CIDE (CSIC, Universitat de València e Generalitat Valenciana), a través do grupo ‘Agua y Cultivos’,  e o Instituto de Ciencias de la Vid y del Vino-ICVV (CSIC, Universidad de La Rioja, e Gobierno da Rioxa) a través do Grupo MedWineQuality.

Fases

O proxecto de innovación desenvolverase en diferentes etapas. Nunha primeira fase instalarase o equipamento para a medida de datos meteorolóxicos e de humidade de chan. Esta información, xunto coa predición meteorolóxica obtida para a localización da parcela experimental, permitirá estimar as necesidades de auga a sete días de cada parcela en función da localización, a variedade de uva, a configuración do viñedo, o tipo de chan, o sistema de rega e o momento do ano. Coñecendo as necesidades de auga poñerase a punto a ferramenta de xestión de rega. 

Nunha segunda etapa, avaliarase o uso de prácticas agrícolas que contribúen a reducir o consumo de auga no viñedo, como son a aplicación de caolín e o uso de cubertas vexetais. Isto permitirá facer recomendacións concretas sobre o momento de implementación e a intensidade destas actividades. Tamén se avaliará o uso de técnicas dixitais —espectroscopía NIR— que permitan tomar datos sobre o estado de saúde do viñedo con mínimos recursos humanos. Posteriormente, analizarase o efecto dos tratamentos de rega e as prácticas agrícolas na calidade do mosto obtido. Para iso estudaranse parámetros fisicoquímicos e compostos claves para determinar a calidade da uva e o viño. Finalmente, avaliarase o impacto económico da ferramenta de xestión da rega no viñedo, incluíndo o gasto en materias primas, persoal, e enerxía. 

O proxecto PRERIVID está enmarcado no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2024.