Ana Manuela de Azevedo: «A colaboración entre investigación e industria impulsa o crecemento do sector acuícola, promovendo a saúde e o benestar dos animais»
Os peixes poden ser claves para atopar a cura a moitas das afeccións que padecen os seres humanos, desde enfermidades raras ata o cancro. A manipulación xenética permite expresar nestes animais procesos relacionados con determinadas patoloxías, observando a súa progresión e analizando a efectividade das distintas terapias.
Ana Manuela de Azevedo, licenciada e doutora en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, combina a docencia coa investigación no Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria do Campus Terra, onde estuda as enfermidades dos peixes. Un traballo cun triple beneficio.
Para comezar, a súa labor ten como obxectivo axudar a mellorar a saúde e o benestar destes animais. Por outro lado, o seu traballo pode ter aplicacións moi valiosas para as empresas de acuicultura, coas que xa colaborou no pasado, especialmente á hora de aumentar a produtividade e a seguridade alimentaria. E, por último, as súas investigacións abarcan tamén o estudo de patoloxías en peixes modelo de enfermidades humanas, como o peixe cebra.
Nos seus ratos libres, Ana Manuela de Azevedo dedica o seu tempo á lectura, á musica e ao baile tradicional galego. Unha paixón que a levou a participar en dous grupos corais de Lugo. Ademais, forma parte da asociación de estudantes pre e posdoutorais, AgroMar, que tamén promove a divulgación científica das investigacións do Campus Terra, unha entidade que promove ademais o benestar animal, a produción sustentable e o enfoque One Health, que aposta por abordar de forma conxunta a saúde humana, animal e ambiental.
Un enfoque cuxos beneficios quedan de manifesto nesta entrevista.
-Converteuse en doutora cum laude pola Universidade de Santiago de Compostela coa súa tese doutoral, centrada nas anomalías esqueléticas do linguado senegalés. Atopou algunha solución que contribúa a contrarrestar a alta taxa de anomalías desta especie?
-O meu traballo de doutoramento consistiu principalmente en caracterizar as malformacións esqueléticas en diferentes etapas de cultivo de esta especie. Na pesca de altura sabíase moi pouco sobre este problema e como afectaba a acuicultura do linguado. Por iso eran necesarios estudos que analizasen esas anomalías, a que estruturas do esqueleto e a cantos peixes afectaban, etc.
Estes estudos contribuíron a coñecer máis en profundidade cales eran os perfís de anomalías para as diferentes etapas do desenvolvemento do linguado, unha especie de peixe plano moi prometedora para a acuicultura galega. Este traballo senta as bases para futuros estudos comparativos que analicen o efecto de diferentes factores involucrados no desenvolvemento destas malformacións, de forma a previr ou mitigar este problema.
-Outro dos protagonistas do seu traballo é o peixe cebra. Por que esta especie é tan atractiva para a investigación?
-O meu traballo en peixe cebra deriva de colaboracións con grupos de investigación que traballan máis directamente con esta especie, como é o caso do grupo Acuigen, da USC. O peixe cebra é un peixe de auga doce, que exhibe moitas vantaxes para a investigación.
A nivel práctico, é unha especie pequena, con poucos requirimentos en canto ao seu mantemento, sendo doada a súa reprodución e cultivo en acuarios de laboratorio. Ademais, debido a esa facilidade reprodutiva e grazas a un intervalo xeracional curto, pódese obter moitos individuos en pouco tempo, axilizando a súa análise.
Por outro lado, esta especie mantén un certo grao de transparencia dos seu tecidos dende a fase de ovo ata xuvenís, facilitando a observación dos seus órganos, incluíndo o seu desenvolvemento no animal vivo. No que a mín me concirne, conséguese ver o esqueleto dos animais mediante tinguiduras. Ademais, e grazas a esa mesma transparencia, pódense observar determinadas células marcadas e a súa localización no animal vivo, podendo facer un seguimento do seu estado.
Actualmente, co coñecemento do seu xenoma e o desenvolvemento de novas técnicas de imaxe e de manipulación xenética, pódese dispoñer de liñas mutantes que mimetizan moitas enfermidades tanto en persoas como animais neste peixe, permitindo o seu estudo profundado que tal vez podería contribuír para a prevención, tratamento ou mellora das condicións de vida das persoas ou animais afectados.
-O peixe cebra, ademais, comparte arredor dun 70 % do seu xenoma co dos seres humanos. Poderían os estudos ictiopatolóxicos destes peixes aplicarse para mellorar o manexo de determinadas enfermidades nas persoas? Que afeccións poderían verse máis beneficiadas?
-O uso do peixe cebra como modelo para enfermidades en persoas e animais está aumentando de forma exponencial polas vantaxes mencionadas antes. Existen outros grupos de investigación da USC que traballan máis directamente con este modelo, xa que se pode manipular xenéticamente estes peixes para expresar ou inhibir determinados procesos asociados a unha determinada enfermidade e así estudar os mecanismos moleculares relacionados ou o efecto de determinadas terapias.
No caso das enfermidades cun alto compoñente xenético, pódese incluso intentar mimetizar esa variación xenética nos peixe cebra e estudar o seu comportamento nos peixes afectados. Este é o caso dunha enfermidade ultra-rara causada por un defecto conxénito de glicosilación na que traballa a miña compañeira Nerea Gandoy co grupo de xenética da USC, Acuigen.
-Realizou os seus estudos de doutorado en estreita colaboración cunha empresa do sector da acuicultura. Que potencial ten o seu traballo para mellorar a xestión e a supervivencia das poboacións de peixes para estas compañías?
-O sector da acuicultura é de vital importancia para Galicia. O crecemento das empresas do sector vai da man coa aposta pola investigación e a innovación, encamiñadas a aumentar a produtividade e sustentabilidade desta forma de gandería.
Polo outro lado, tamén a investigación necesita o apoio e a colaboración do sector para poder entender e dar resposta a problemas dunha forma máis aplicada. Co noso traballo logramos optimizar o radiodiagnóstico para o linguado senegalés, e establecer escalas de valoración das malformacións en diferentes etapas do seu desenvolvemento. Estes resultados constituirían os primeiros pasos dun largo proceso que busca reducir a frecuencia destas anomalías vertebrais nesta especie e mellorar a calidade do produto.
En definitiva, a colaboración entre veterinarios, investigadores, técnicos e produtores é fundamental para promover o crecemento do sector, a seguridade alimentaria e o benestar animal.
-Na Universidade de Gante participou no grupo de traballo do profesor Witten, que é membro da rede BiomedAqu, e colaborou noutros proxectos con grupos internacionais. Por que é importante para a investigación tecer redes de colaboración entre diferentes países?
-Na miña opinión, a investigación científica é unha actividade que se realiza en equipo, en colaboración, xa que unha non é detentora de todo o coñecemento nunha materia. A multidisciplinaridade das investigacións permite avanzar e enriquecer o coñecemento fundamental, promovendo a aplicación destes en diferentes e novos campos da ciencia.
Ademais, a partilla de experiencias, técnicas e coñecementos entre investigadores, como seres sociais que somos, permite establecer relacións mais estreitas para crecer tanto a nivel científico como persoal.
-No 2011 aterrou no laboratorio de Anatomía Patolóxica Veterinaria (GAPAVET) do Campus Terra, onde continúa a día de hoxe. Que traballos recorda con más orgullo e cal é a súa función actualmente?
-Dende que me incorporei ao grupo de investigación en Anatomía Patolóxica Veterinaria traballei como investigadora (pre e posdoutoral) en diferentes campos da ictiopatoloxía. Teño a sorte de gustar daquilo que fago, e traballo con ilusión para entender mellor algúns dos procesos patolóxicos inherentes ás enfermidades dos peixes e desa forma contribuír ao coñecemento da saúde animal.
Gústame tamén participar en investigacións máis aplicadas á resolución de problemas reais que afectan aos peixes e para dar respostas ás empresas, aínda que moitas veces non se consiga atopar unha solución definitiva para elo.
-Por que é importante un grupo como GAPAVET dentro do Campus Terra?
-O grupo de investigación en Anatomía Patolóxica Veterinaria encadrase perfectamente nos eixos científicos prioritarios do Campus Terra, sobre todo no que toca á Produción e Saúde Animal sostibles e Alimentación Segura e Saudable. As investigacións deste grupo están ligadas á mellora da saúde e benestar dos peixes, también de acuicultura, promovendo a seguridade alimentaria no ámbito dunha única saúde (OneHealth).
-Con que tecnoloxías traballa no seu día a día? E cales cre que serán as innovacións que definirán o futuro do seu campo de estudo?
-Traballo con microscopios e esteromicroscopios de maneira rutineira, aínda que uso moitas técnicas de imaxe e a radiografía en colaboración co equipo de radioloxía do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina. Creo que os novos avances da Intelixencia Artificial e a súa aplicación ao diagnóstico e recoñecemento de patoloxías pode ser unha importante ferramenta tamén no sector acuícola.
-Como xurdiu a súa interese pola histopatoloxía e a ictopatoloxía?
-Sempre tiven peixes na miña casa e tiven interese pola súa saúde e benestar. Durante a carreira e o máster tiven a oportunidade de ter máis contacto coas patoloxías que lles poden afectar e seguín por esa liña.
-Para rematar, que consello lle daría a todos aqueles estudantes que desexan desenvolver a súa carreira profesional nesta disciplina? Cales son as competencias que deberían adquirir?
-O consello que lle daría ás persoas que desexen comezar a súa carreira profesional no ámbito da ictiopatoloxía é que busquen a grupos de persoas expertas das que aprender e compartir experiencias. Creo que é importante saber traballar en equipo e ter unha mente aberta, con entusiasmo por continuar formándose durante toda a súa vida profesional.