Sala de Xuntas
A catedrática de Anatomía Patolóxica Veterinaria Laura Peña Fernánez impartirá esta acción formativa o 7 de maio na Facultade de Veterinaria. A inscrición neste programa, coordinado por Maribel Quiroga, xa está aberta en liña
A catedrática de Anatomía Patolóxica Veterinaria Laura Peña Fernández, considerada unha das maiores expertas internacionais en cancro de mama nas especies canina e felina, imparte o vindeiro 7 de maio, a partir das 18.00 horas, no centro universitario lugués, o seminario ‘Camiños na oncoloxía. Cancro animal e humano desde a perspectiva One Health'. Esta acción coordinada pola profesora Maribel Quiroga e incluída no plan de formación complementaria do Campus Terra, está orientada á participación de alumando de grao e mestrado. A inscrición xa está aberta en liña.
A celebración deste seminario encádrase no marco do proxecto de aprendizaxe e servizo ‘OncoVet-Sapiens: descubrindo a oncoloxía veterinaria en YouTube’, que pretende “democratizar” a información e facela accesible e comprensible para estudantes, titores de animais, investigadores, profesionais veterinarios e público xeral, a través dunha canle aberta de Youtube.
O seminario, aberto ao público interesado e para o que se ofrecen 80 prazas, busca destacar a importancia da oncoloxía veterinaria en medicina animal e humana, ao tempo que trata de dar a coñecer a canle de YouTube xa activa.