A Educación Social, unha disciplina académica na busca dunha sociedade máis xusta
Co título Historias da Educación Social no contexto iberoamericano o número 27 da revista Sarmiento acolle, na súa parte monográfica, unha ampla representación do quefacer científico, académico e profesional do colectivos de profesionais da Educación Social no espazo iberoamericano. Os textos deste número da publicación editada polas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, amosan a diversidade inherente ás realidades educativas e sociais nas que se insiren as súas autoras e autores e dan testemuño dun pasado e dun presente no que a Educación Social, implícita ou explicitamente, amosou o seu compromiso coa procura dunha sociedade máis xusta, equitativa e promotora da convivencia.
A revista abre cun texto en homenaxe á profesora María Lucía Iglesias da Cunha, recentemente falecida, a cargo dos profesores da USC José Antonio Caride Gómez e Antón Costa Rico. A continuación, as investigacións publicadas nas páxinas monográficas reivindican o labor da comunidade universitaria e dos colectivos profesionais, así como do seu necesario empoderamento nos eidos da educación e da pedagoxía social. O profesor Caride, xunto con Ricardo Manuel das Neves, escribe nesta sección sobre A Educación Social como relato histórico de amplas avenidas pedagóxicas e sociais, lembrando que as primeiras referencias documentadas sobre a Educación Social se sitúan cronoloxicamente nos inicios do século XIX, aspirando a dar resposta ás múltiples necesidades que emerxen da vida cotiá, como son a atención á infancia e á mocidade en situación de inadaptación e risco social, a educación das persoas adultas, ou a animación sociocultural.
Tamén desde a USC María Belén Caballo Villar, Rita Gradaille Pernas e Laura Varela Crespo escriben sobre A Educación Social en Galicia: desenvolvemento profesional, académico e científico. O artigo realiza un percorrido histórico polo desenvolvemento profesional, académico e científico da Educación Social en Galicia como ámbito universitario especializado, cos precedentes da especialidade de “intervención socioeducativa” da Licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación (sección Pedagoxía) da USC, que transcorren á par dos esforzos realizados no mundo social, que intentaba profesionalizar as prácticas socioeducativas e acadar o recoñecemento de diversos “oficios”. A súa inmersión nas universidades galegas e o desenvolvemento científico da Pedagoxía Social outorgáronlle un corpus epistemolóxico que se foi consolidando en diálogo co quefacer profesional.