Skip to main content

A Educación Social, unha disciplina académica na busca dunha sociedade máis xusta

A Educación Social aspira a crear unha sociedade máis xusta, equitativa e promotora da convivencia. FOTO: Santi Alvite
A Educación Social aspira a crear unha sociedade máis xusta, equitativa e promotora da convivencia. FOTO: Santi Alvite
O número 27 da revista 'Sarmiento' achega investigacións da USC sobre o papel de educadoras e educadores sociais no contexto iberoamericano

Co título Historias da Educación Social no contexto iberoamericano o número 27 da revista Sarmiento acolle, na súa parte monográfica, unha ampla representación do quefacer científico, académico e profesional do colectivos de profesionais da Educación Social no espazo iberoamericano. Os textos deste número da publicación editada polas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, amosan a diversidade inherente ás realidades educativas e sociais nas que se insiren as súas autoras e autores e dan testemuño dun pasado e dun presente no que a Educación Social, implícita ou explicitamente, amosou o seu compromiso coa procura dunha sociedade máis xusta, equitativa e promotora da convivencia.

A revista abre cun texto en homenaxe á profesora María Lucía Iglesias da Cunha, recentemente falecida, a cargo dos profesores da USC José Antonio Caride Gómez e Antón Costa Rico. A continuación, as investigacións publicadas nas páxinas monográficas reivindican o labor da comunidade universitaria e dos colectivos profesionais, así como do seu necesario empoderamento nos eidos da educación e da pedagoxía social. O profesor Caride, xunto con Ricardo Manuel das Neves, escribe nesta sección sobre A Educación Social como relato histórico de amplas avenidas pedagóxicas e sociais, lembrando que as primeiras referencias documentadas sobre a Educación Social se sitúan cronoloxicamente nos inicios do século XIX, aspirando a dar resposta ás múltiples necesidades que emerxen da vida cotiá, como son a atención á infancia e á mocidade en situación de inadaptación e risco social, a educación das persoas adultas, ou a animación sociocultural.

Tamén desde a USC María Belén Caballo Villar, Rita Gradaille Pernas e Laura Varela Crespo escriben sobre A Educación Social en Galicia: desenvolvemento profesional, académico e científico. O artigo realiza un percorrido histórico polo desenvolvemento profesional, académico e científico da Educación Social en Galicia como ámbito universitario especializado, cos precedentes da especialidade de “intervención socioeducativa” da Licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación (sección Pedagoxía) da USC, que transcorren á par dos esforzos realizados no mundo social, que intentaba profesionalizar as prácticas socioeducativas e acadar o recoñecemento de diversos “oficios”. A súa inmersión nas universidades galegas e o desenvolvemento científico da Pedagoxía Social outorgáronlle un corpus epistemolóxico que se foi consolidando en diálogo co quefacer profesional.

Portada do número 27 da revista 'Sarmiento'
Portada do número 27 da revista 'Sarmiento'
The contents of this page were updated on 01.16.2024.