Skip to main content
This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/en/legal-notice">cookies policy</a>.
Por que non pos o teu nome en galego?
Logo

 En 1992 a USC e as asociacións estudantís colaboraron coa Mesa pola Normalización Lingüística nunha campaña específica a prol da galeguización dos nomes propios.

Os seus obxectivos seguen plenamente vixentes.

  • A galeguización do nome e dos apelidos é un acto simbólico de grande importancia para o proceso de normalización da nosa lingua. Cada vez que unha persoa galeguiza o seu nome e apelidos, ou escolle un nome galego para o seu fillo ou filla, non só está amosando publicamente o seu compromiso co noso idioma, senón que tamén está incidindo, co seu comportamento na sociedade en xeral e en todas as entidades en que vaia facer efectivo o cambio (administración, bancos, empresas subministradoras...).

    A onomástica persoal pertence ao dereito privado, polo que deben ser os propios particulares os que procedan á restitución dos seus apelidos ou á tradución dos seus nomes propios. Na inmensa maioría dos casos, os apelidos casteláns en Galicia son o produto da deformación case sempre involuntaria dun apelido orixinariamente galego. Non existe ningunha pexa legal para que galeguices o teu nome, os teus apelidos ou inscribas os teus fillos e fillas con nomes de noso: a Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes, garante os nosos dereitos ao respecto.

    A institución que por lei é responsable dos aspectos normativos da lingua galega, a Real Academia Galega, facilita ás persoas interesadas e ás/os funcionarios dos rexistros civís as formas estándares de nomes e apelidos, a través do Dicionario dos nomes galegos (Ir Indo,1992) e d'Os apelidos en galego , coas cales xa non son necesarios informes filolóxicos para os rexistros civís. En ambos recursos inclúese unha equivalencia das formas castelanizadas coas súas galegas correspondentes.

     A USC colaborou en 1992 coa Mesa pola Normalización Lingüística, co apoio das asociacións de estudantes, nunha campaña específica a prol da galeguización dos nomes. Os seus obxectivos seguen plenamente vixentes.
  • 1. Na partida de nacemento

    Cómpre ir persoalmente ao Rexistro Civil onde estea rexistrado o seu nacemento. Alí ten que solicitar, en primeiro lugar, unha fe de vida. Unha vez que a teña, debe presentar no Rexistro unha instancia solicitando que se proceda á galeguización do nome ou dos apelidos, ao abeiro da Lei 40/1999. A esta instancia debe acompañala unha fotocopia do DNI e un certificado de nacemento. Por último, debe solicitar unha certificación deste cambio no Rexistro.

    2. No carné de identidade

    Dirixa unha instancia á comisaría que lle expediu o carné de identidade, solicitándolle que, ao abeiro da Lei 40/1999, se proceda á corrección do nome e/ou dos apelidos, rexistrándoos na súa forma actual. Debe achegarlle conxuntamente a certificación do Rexistro Civil.
     

    3. Na restante documentación de uso persoal

    Progresivamente, proceda á galeguización do nome e/ou dos apelidos na restante documentación: carné de conducir, tarxeta do SERGAS, recibos da auga, luz, gas, teléfono, contas bancarias... A tramitación, na maioría dos casos, consiste simplemente en presentar o DNI en que xa figure o nome e apelidos na súa forma galeguizada.
     

    Outra información de interese

    • Toda a tramitación é de balde.
    • A Real Academia Galega establece as formas estándares de nomes e apelidos, a través do Dicionario dos nomes galegos (Ir Indo,1992) e d'Os apelidos en galego, coas cales xa non son necesarios informes filolóxicos para os rexistros civís. En ambos os recursos inclúese unha equivalencia das formas castelanizadas coas súas galegas correspondentes.
    • Nos casos en que se denegue a galeguización, pódese interpoñer os correspondentes recursos previstos na Lei do rexistro civil e no seu Regulamento.
The contents of this page were updated on 11.30.2023.