Skip to main content
This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/en/legal-notice">cookies policy</a>.
Formación para a elaboración de unidades didácticas
Iniciativa específica de formación para profesores universitarios e persoal docente en formación co obxectivo de adquirir coñecementos que permitan a elaboración de unidades didácticas de calidade
  • O curso é unha iniciativa específica de formación, dirixido exclusivamente a profesores universitarios e persoal docente en formación, cos obxectivos de:

    • Promover a elaboración de unidades didácticas de calidade como instrumento docente e de normalización lingüística.
    • Promover a constitución dunha base estable de unidades didácticas da USC, que poidan ser empregadas por diferentes profesores e alumnos.
    • Facilitar a edición en diversos soportes de unidades didácticas da USC.
    • Contribuír ao uso do galego na actividade docente.

    Os contidos do curso son de tres tipos: pedagóxicos (concepto, obxectivos, estrutura, contidos e avaliación das unidades didácticas), de comunicación (redacción de textos científicos, calidade lingüística, terminoloxía científica) e de edición (deseño editorial, formatos, corrección de probas, propiedade intelectual, permisos).

    O curso fundaméntase no traballo persoal de cada alumno/a, que deberá elaborar unha unidade didáctica propia dunha das materias que imparte, de xeito titorizado, e no marco dun proxecto didáctico.

    Faise un seguimento titorizado continuo, individual e conxunto das unidades elaboradas, ata deixalas preparadas dende todos os puntos de vista, e de acordo co modelo de unidades didácticas da USC para a súa edición.

    Posteriormente poderá presentar novas unidades didácticas para a súa publicación no marco do proxecto didáctico antedito, consonte a definición da colección por parte da Comisión Editorial Académica da USC.

    O curso computa 30 horas presenciais, para o recoñecemento da formación docente e para conseguir o Diploma de Docencia Universitaria.

    Os cursos de elaboración de unidades didácticas parten dunha iniciativa inicial da Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía, e contan co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística (SNL).

    Forman parte do Programa de Formación e Innovación Docente da USC.

The contents of this page were updated on 10.18.2023.