Organizador: Escola Politécnica Superior
O obxectivo que se pretende acadar con este curso é o coñecemento da linguaxe Python que permita unha xestión suficiente para desenvolver programas de cálculo que poidan ser útiles ao longo da carreira científica e técnica.
Actualmente, para realizar cálculos en moitos casos da ciencia e a enxeñaría é necesario manexar cálculos numéricos e con uso directo de ordenadores. Existen diferentes métodos de cálculo numérico, entre eles os usados en Python, que nos permiten cubrir unha serie de solucións a situacións problemáticas, con aplicacións na ciencia. En moitas áreas científico-técnicas, a elección axeitada do software e/ou linguaxe de programación empregada é determinante, en canto a potencia, versatilidade, facilidade de uso e acceso por parte de todos os usuarios nos seus propios dispositivos, dun xeito xeneralizado e gratuíto.
Dentro do software libre, un dos que tivo recentemente unha mellora substancial, coa inclusión de novos e potentes e versátiles módulos de cálculo simbólico (SymPy), numérico (NumPy, SciPy) e gráfico (PyPlot e Matplotlib) foi sen dúbida Python , e de aí a súa vertixinosa evolución e expansión a nivel mundial, non só no ámbito académico, senón tamén no científico e industrial.
O curso, dirixido principalmente a alumnos de grao e master, será eminentemente practico, cunha duración de 20 horas, onde os alumnos poderán probar os contidos relacionados con Python: introdución, tipos e estruturas de datos, programación procedural e funcional e orientada a obxectos, cálculo simbólico e aproximado (Sympy, Numpy, Scipy)e desenvolver os programas por si mesmos, representacións gráficas e visualización de datos (Pyplot, Matplotlib) e métodos numéricos e estatísticos con Python
Os interesados en inscribirse neste curso coordinado e impartido por Efrén Arias Jordán poden inscribirse na seguinte ligazón.