Pasar al contenido principal

A Facultade de Humanidades lembra cunhas xornadas a figura e a obra de Celestino Fernández de la Vega no centenario do seu nacemento

O carácter intimista e a actividade como tertuliano deste mestre en tempos de sombra centrará este martes 23, ás 18.00 horas a primeira sesión de homenaxe no Museo Provincial de Lugo

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo conmemora o centenario do nacemento de Celestino Fernández de la Vega (Friol, 1914-Lugo, 1986) cunhas xornadas nas que distintos relatores abordarán a memoria viva que aínda conserva Lugo da figura deste mestre e escritor lugués en tempos de sombra, así como a súa escrita e o seu pensamento contextualizado na época que lle tocou vivir. As xornadas de homenaxe a Celestino Fernández de la Vega, organizadas pola profesora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da USC María Xesús Vázquez Lobeiras e polo profesor de Historia Contemporánea da USC Xosé Ramón Veiga Alonso, están estruturadas en tres sesións, que se celebrarán o 23 de setembro e os días 21 e 22 de novembro no Museo Provincial de Lugo. A xornada de apertura deste homenaxe ten un marcado carácter simbólico e intimista e celebrarase este martes 23 de setembro, a data na que se cumpre o primeiro centenario do nacemento deste mestre e pensador lugués, a partir das 18.00 horas, cunha sesión na que se abordará a dimensión máis íntima de Fernández de la Vega, así como a súa intensa actividade como tertuliano na sociedade luguesa da época Baixo o título 'Cilistro na memoria viva de Lugo', o Museo Provincial de Lugo acubillará este martes unha sesión sobre Celestino Fernández de la Vega que comezará cunha breve lembranza do homenaxeado a cargo do xornalista Paco Nieto. O tamén xornalista e cronista oficial da Deputación de Lugo, Juan Soto, analizará deseguido as colaboracións de Fernández de la Vega no xornal El Progreso. A proxección do documental 'Os espazos vividos e amados do Cilistro', coordinado por Xosé Ramón Veiga Alonso, e unha táboa redonda sobre os faladoiros do Cilistro, que contará coa participación dalgúns dos seus contertulios, dará continuidade á sesión inaugural desta homenaxe, que rematará cun recital de palabras do homenaxeado, a cargo de María Xesús Vázquez Lobeiras, seguido dun momento musical. O tempo e o pensamento de Celestino Fernández de la Vega centrarán as temáticas das sesións organizadas no marco destas xornadas homenaxe os días 21 e 22 de novembro no Museo Provincial de Lugo. O inventario do legado de Fernández de la Vega: o seu arquivo e a súa biblioteca, o seu humor, a intensa actividade cultural do Lugo e a Europa da época vital do autor homenaxeado serán os temas a tratar o 21 de novembro. A sesión de clausura destas xornadas de homenaxe a Fernández de la Vega, financiadas pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e nas que tamén colabora a Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, versará sobre o pensamento deste escritor e pensador galego no contexto da súa época. Ramón López Vázquez, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; os profesores da USC Andrés Torres Queiruga e Francisco Conde Soto, e o profesor da Universidade de Vigo Arturo Leyte Coello, intervirán como relatores nesta sesión.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2014.