Pasar al contenido principal

O profesor italiano Cosimo Altomare, de visita en Santiago para avanzar no desenvolvemento de novos fármacos

O profesor italiano Cosimo Altomare, de visita en Santiago para avanzar no desenvolvemento de novos fármacos
O profesor italiano Cosimo Altomare, de visita en Santiago para avanzar no desenvolvemento de novos fármacos
Aproveitará a súa estadía na USC para ofrecer conferencias a alumnado de Farmacia, Química e Medicina

O profesor da Facultade de Farmacia da Universidade de Bari (Italia) Cosimo Altomare atópase esta semana en Santiago como profesor convidado do programa Erasmus para manter diversas reunións de carácter científico e impartir conferencias para o alumnado de máster e terceiro ciclo da USC. O profesor Altomare, experto en Química médica e farmacolóxica, mantén dende hai moitos anos unha estreita colaboración co catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC Ramón Soto en liñas de investigación para o desenvolvemento de novos fármacos para o tratamento de enfermidades de Parkinson e Alzhéimer. Será precisamente cos grupos que traballan neste eido das facultades de Medicina, Química e Farmacia cos que este martes se reúna no CiQUS. Xa o mércores ás 13.00 horas pronunciará en Química a conferencia ‘Enzyme Inhibition in Drug Discovery & Development’ e ás 18.30 horas falará do mesmo en Farmacia pero xa aplicado ás desordes neurodexenerativas, unha intervención que se repetirá o xoves ás 12.30 horas para o estudantado do Máster Interuniversitario en Neurociencias. A visita do profesor italiano rematará o ventres 25 cun encontro co equipo decanal da facultade de medicina da USC.

Ademais do seu destacado labor como docente, Cosimo Altomare é autor dun cento de artigos publicados nas máis prestixiosas revistas científicas, membro da Sociedade Italiana de Química e editor da European Journal of Pharmaceutical Sciences.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.09.2015.