Pasar al contenido principal

Profesorado de ensino medio de Galicia achégase ao I+D+i do Campus Terra da USC a través das xornadas Xuvenciencia

Profesores universitarios e de ensino medio, nun almorzo de traballo da terceira edición das xornadas Xuvenciencia para profesorado
Profesores universitarios e de ensino medio, nun almorzo de traballo da terceira edición das xornadas Xuvenciencia para profesorado
A Biblioteca Intercentros e diversos laboratorios do campus de Lugo acollerán o 26 de novembro unha xornada de perfeccionamento orientada a docentes xa participantes

Máis de 30 docentes de ensino medio de diversos centros educativos de Galicia coñeceron de primeira man algunhas das actividades de I+D+i que se están a desenvolver no Campus Terra da USC no marco da terceira edición das xornadas Xuvenciencia para profesorado. Esta iniciativa promovida polo grupo Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC, coordinado pola profesora Mercedes Novo, busca divulgar e achegar o traballo cotiá de docencia e investigación que se desenvolve nas aulas e laboratorios da sede universitaria luguea a profesores de ensino secundario.

A posta en marcha de actividades conxuntas no contexto científico que teñan como obxectivo fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre o estudantado de secundaria constitúe outro dos obxectivos da xornada XuvenCiencia para profesorado, un foro desenvolvido esta fin de semana na Biblioteca Intercentros e en distintos laboratorios da sede universitaria luguesa. Outra das pretensións deste programa, que conta con financiamento da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), pasa por avanzar na formación de grupos de traballo de profesorado de ensino secundario e universitario para o desenvolvemento de materiais educativos de carácter experimental e interactivo, ademais de pequenos proxectos científicos. A terceira edición das xornadas Xuvenciencia para profesorado contaron tamén co patrocinio na empresa luguesa AMSlab, que sufragou o custe dos kits educativos destinados aos centros da montaña luguesa. Asemade, o xerente desta firma, Manuel Lolo Aira, participou na sesión inaugural deste encontro, un acto no que tamén interviñeron a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, a coordinadora do grupo Xuvenciencia da USC, Mercedes Novo, e o tamén profesor da USC e coordinador no campus lugués do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, Francisco Javier López González. Programa O programa desta xornada, que se prolongou en quenda de mañá e tarde, incluíu dous itinerarios. Un está dirixido ao profesorado das áreas de Ciencias da Vida e Experimentais (Física-Química, Bioloxía-Xeoloxía e Tecnoloxía) e ofrece tres kits educativos para iniciar na investigación ao alumnado de secundaria e bacharelato (programa XuvenCiencia na aula), e outro vai orientado ao profesorado de áreas de Ciencias Sociais, Artes e Humanidades (Debuxo, Lingua e literatura galega, Lingua castelá e literatura, Xeografía e Historia e Filosofía e Antropoloxía). Esta última opción permitiu presentar algunhas liñas de investigación que se están a desenvolver neste eido do Campus Terra da USC, ao tempo que contribuíu á formación de grupos de traballo de profesorado de ensino secundario e universitario para o desenvolvemento de propostas e materiais educativos dirixidos á experimentación nas aulas e á práctica investigadora. Os asistentes á xornada das áreas de Ciencias da Vida e Experimentais recibiron un kit educativo e a formación para o seu aproveitamento co seu alumnado nas aulas, comprometéndose á colaboración cos responsables correspondentes do grupo XuvenCiencia (seguimento, valoración por parte dos estudantes, informe final de resultados, etc.). Pódese atopar información completa sobre os kits no enlace: http://www.usc.es/xuvenciencia/aula/gl/. Xornada de perfeccionamento O grupo Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC celebrará o vindeiro 26 de novembro unha xornada de perfeccionamento orientada á participación do profesorado que xa tomara parte en sesións formativas previas. O obxectivo deste novo encontro pasa por analizar e facer un seguimento dos proxectos xa implantados nos centros educativos de ensino medio, ademais de achegar formación adicional e complementaria aos docentes implicados nestas iniciativas de I+D+i. De esquerda a dereita, López, Silva, Lolo e Novo, na apertura do foro docente

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2016.