Esta edición do programa Faíscas Culturais é unha reflexión arredor da Domus do Mitreo, desde como se integraba na paisaxe urbana, cales eran os fundamentos antropolóxicos da alimentación, ou como evolucionaron os coidados na época romana

O 2 de abril ás 17.00 horas terá lugar a actividade complementaria da Faísca A procura da Domus do Mitreo para o estudantado da Facultade de Formación de Profesorado que previamente participou na charla impartida pola profesora Alba Díaz Geada sobre 'A escola da Domus'. Este mércores o estudantado poderá asistir á visita guiada con Celso Rodríguez Cao á Domus do Mitreo onde complementarán o aprendido no relatorio.
Na charla, a profesora Alba Díaz en primeiro lugar "situou a Domus no contexto da romanización da Galiza e, máis particularmente, do papel de Lucus Augusti no contexto da Gallaecia romana. A través da Domus, os e as estudantes achegáronse á historia social daquel tempo. Logo, revisaron os recursos didácticos que están dispoñibles na páxina web da Domus do Mitreo". A profesora tamén reflexionou co estudantado sobre as posibilidades de desenvolver actividades de educación patrimonial a partir do coñecemento e dos recursos da Domus do Mitreo. E para finalizar situou ese espazo museístico no contexto dos diferentes espazos musealizados "do Lugo do tempo da romanización", indica a relatora Alba Díaz Geada.
O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural.