Pasar al contenido principal

Os recentes avances en sistemas dinámicos reúnen en Matemáticas persoal experto de primeiro nivel

O congreso inaugurouse este luns na Facultade de Matemáticas
O congreso inaugurouse este luns na Facultade de Matemáticas
Esta teoría matemática achega información moi valiosa sobre o comportamento a longo prazo de solucións a problemas da vida real como as enfermidades infecciosas ou a evolución de especies

A cantidade de individuos de poboacións que compiten entre elas ou que teñen unha relación de tipo predador-presa, o número de casos de enfermidades infecciosas nunha poboación determinada ou a análise de órbitas de corpos celestes en Astronomía son procesos da vida real cuxa evolución se estuda matematicamente cos Sistemas Dinámicos.

A descrición matemática destes fenómenos culmina na formulación de problemas con sistemas de ecuacións diferenciais, que non sempre é posible resolver de xeito exacto, e a teoría dos Sistemas Dinámicos proporciona información moi valiosa sobre o comportamento a longo prazo das solucións deses problemas.

Pero ademais deses modelos clásicos dentro do ámbito dos sistemas dinámicos de enfermidades infecciosas ou os de evolución de especies, ábrense tamén novas oportunidades nos campos da robótica -co deseño e resolución de sistemas dinámicos para o control de brazos articulados en instalacións industriais-, da intelixencia artificial a través da condución autónoma de vehículos non tripulados ou no control de procesos industriais na industria química.

Para profundar na análise destes sistemas a Facultade de Matemáticas da USC acolle esta semana o congreso internacional Recent Advances in Nonlinear Dynamics, organizado polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e polo nodo da USC da rede DANCE (Dinámica Atractores e Non-linealidade. Caos e Estabilidade) formado por 16 investigadores e investigadoras e coordinado polo catedrático de Análise Matemática Juan J. Nieto.

A rede DANCE é un punto de encontro de investigación sobre Sistemas Dinámicos que integra 24 nodos correspondentes a universidades e centros de investigación de todo o Estado. Os actuais coordinadores da rede DANCE, que participarán neste congreso, son Joan Torregrosa, da Universidade Autónoma de Barcelona, e Patricia Yanguas. Da Pública de Navarra.

Destaca tamén a presenza no congreso de importantes investigadores e investigadoras como conferenciantes. Concretamente, o congreso contará cos relatorios convidados dos profesores Inmaculada Baldomá, da Universidade Politécnica de Cataluña; Maciej Capinski, da Universidade de Cracovia; Stephen Coombes, da Universidade de Nottingham; Santiago Ibáñez, da de Oviedo; Alexandre Rodrigues, da Universidade de Lisboa; Ana María Sanz, da de Valladolid; Antonio J. Ureña, da Universidade de Granada; e Sebastian Walcher, da de Aachen.

O congreso inaugurouse este luns nun acto presidido pola decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, e no que tamén interviñeron a directora Científica do CITMAga, Rosa María Crujeiras Casais, o propio Joan Torregrosa e Rodrigo López Pouso, coordinador do comité organizador.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.07.2024.