O profesor Elisardo Becoña, novo académico da Academia de Psicoloxía de España
O catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de Santiago de Compostela, Elisardo Becoña, acaba de ingresar como Académico de Número da Academia de Psicoloxía de España en recoñecemento a súa dilatada labor docente e divulgativa no campo da psicoloxía clínica e das adiccións.
O profesor Becoña dirixe a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos na Facultade de Psicoloxía. Dos seus múltiples méritos destaca o desenvolvemento do seu Programa para deixar de fumar, un tratamento psicolóxico eficaz no que teñen participado xa preto de 17.000 persoas fumadoras cun alto nivel de éxito. Este programa é hoxe referencia estatal e internacional, con case 40 anos de existencia.
Tamén realizou estudos sobre o alcohol, cocaína, cannabis, xogo patolóxico, uso problemático das novas tecnoloxías e a prevención das drogodependencias. Ten publicados distintos manuais no eido das drogas, as adiccións comportamentais e a psicoloxía clínica, así como un gran número de capítulos de libros e artigos científicos.