Pasar al contenido principal

Constituído o Consello Asesor de Formación de Persoal da USC

Sede do Centro de Formación de Persoal, no Campus Vida. Foto: Santi Alvite
Sede do Centro de Formación de Persoal, no Campus Vida. Foto: Santi Alvite
Este novo órgano responde á recente unificación da formación de todo o persoal da USC e á creación do Centro de Formación de Persoal para planificala e xestionala, superando así a Sección de Formación de PAS e o Programa de Formación e Innovación Docente.

Co obxecto de asesorar e facer seguimento das cuestións sobre a formación do persoal (PDI, PI, PTXAS), o pasado 21 de marzo constituíuse formalmente o Consello Asesor, que preside o xerente e do que forman parte catro membros da Xerencia con responsabilidades en materias de persoal, tres designados polo reitor e tres acordados polos sindicatos.

O Consello Asesor de Formación de Persoal da USC responde á recente unificación da formación de todo o persoal da USC e á creación do Centro de Formación de Persoal para planificala e xestionala, superando así a Sección de Formación de PAS e o Programa de Formación e Innovación Docente.

Nesa primeira xuntanza aproveitouse para tratar a Memoria de Formación de Persoal de 2022, na que se destaca a oferta por vez primeira de formación ad hoc para o persoal investigador, así como a proposta de Plan de Formación para 2024, que xa se enmarca na Estratexia de Formación da USC 2023-2026 aprobada pola Mesa Xeral de Negociación hai agora un ano. Ademais, o Consello recomendou adiantar o proceso participativo de detección de necesidades e de proposta de actividades formativas ao mes de setembro, e abrilo tamén para a formación de PDI e PI e non só a PTXAS.

A Estratexia 2023-2026
No Consello valorouse tamén a necesidade de que o persoal coñeza máis polo miúdo a Estratexia de Formación e os cambios que representa. O documento fixa doce liñas estratéxicas, que entre outras cuestións teñen que ver co relevo xeracional do persoal, os procesos de estabilización e estruturalización, a carreira do persoal investigador, a transformación dixital, a reorganización de servizos, a posta en marcha da carreira horizontal ou a sustentabilidade e a eficiencia enerxética.

Na Estratexia, liderada agora polo Centro de Formación de Persoal, establécese que a formación se desenvolverá mediante programas anuais ou semestrais de actividades, que á súa vez se estruturarán arredor de módulos, programas formativos, áreas temáticas e itinerarios formativos.

Os programas formativos responden ás diversas necesidades que o persoal pode experimentar ao longo da súa vida profesional e estarán formados por actividades de diversa temática. Pola súa banda, os itinerarios son conxuntos estruturados e ordenados de accións formativas que desenvolven as competencias profesionais necesarias para o desempeño axeitado dun conxunto de postos de traballo. Así, recoñécense 11 itinerarios para o PTXAS, 4 para o PDI e 4 para o PI, ademais dun itinerario xeral que axuntará aquelas accións destinadas ao desenvolvemento de competencias transversais para todos os colectivos (principios e valores, actitudes e relacións, linguas, prevención de riscos, comunicación...).

De acordarse, o seguimento de programas e itinerarios poderá terse en conta para a provisión de postos, a carreira horizontal ou a avaliación do desempeño no caso do PTXAS. No caso do PDI e PI, poderán dar lugar a recoñecementos diversos, como por exemplo para a obtención do Diploma de Docencia Universitaria ou outros.

Plan de Formación 2024
En concreto, o Plan de Formación de Persoal para o ano 2024 inclúe 95 accións formativas para o PTXAS e 106 para o PDI-PI, ao que cómpre engadirlle a oferta do programa común en Dirección e Liderado, con 4, o que en palabras da directora do Centro de Formación de Persoal, Isabel Vaquero, é “un importante salto cuantitativo e cualitativo en materia de formación na USC e cuxo custo pode roldar os 130.000 euros”.

Sendo un documento vivo, en constante modificación, o deseño do Plan de Formación 2024 responde a varios obxectivos, como son a contribución ao cumprimento das liñas estratéxicas e de actuación da USC no referido á formación e a atención ás necesidades motivadas polos cambios e reestruturacións en servizos, normativa ou procedementos. Resulta importante ademais manter selos e acreditacións de unidades e centros ou de capacitación do persoal así como atender as necesidades detectadas polas direccións das diversas áreas da Xerencia e delegacións do reitor, así como polas xefaturas de unidades e direccións de servizos e polo resto do persoal participante.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.04.2024.