Pasar al contenido principal

Profesionais da educación reimaxinan o seu futuro na sociedade

O catedrático da USC Miguel A. Santos Rego, esquerda; a decana de Ciencias de Educación Mar Lorenzo; o director de programas da Fundación SM, José María González Ochoa; a estudante do dobre grao en Mestre de Educación Infantil e Primaria Xiana Sánchez e o estudante do grao en Pedagoxía Luis Carrera. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC Miguel A. Santos Rego, esquerda; a decana de Ciencias de Educación Mar Lorenzo; o director de programas da Fundación SM, José María González Ochoa; a estudante do dobre grao en Mestre de Educación Infantil e Primaria Xiana Sánchez e o estudante do grao en Pedagoxía Luis Carrera. FOTO: Santi Alvite
Debateron sobre o informe 'Reimaxinar o noso futuro xuntos. Un novo contrato social para a educación

A presentación do informe Reimaxinar o noso futuro xuntos. Un novo contrato social para a educación serviu este martes para debater na Facultade de Ciencias da Educación sobre os retos do futuro e sobre a necesidade de establecer un novo contrato social para o encaixe dos novos modelos de formación na sociedade actual. A xornada foi inaugurada pola decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo, e polo director de programas da Fundación SM, José María González Ochoa, quen a continuación expuxo un breve resumo dos contidos que se analizan no informe.

O informe, publicado en español pola Fundación SM e elaborado pola Comisión internacional sobre os futuros da educación e promovido pola Organización da Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), nutriuse dun proceso mundial de consultas no que participaron aproximadamente un millón de persoas. Nas súas conclusión, insta os gobernos, as institucións, as organizacións e cidadás e cidadáns de todo o mundo a preparar un novo contrato social en materia educativa que permita colaborar co obxectivo de forxar futuros pacíficos, xustos e sostibles para todas as persoas. No documento abórdanse de forma detallada aspectos da nosa sociedade como as tecnoloxías dixitais, o cambio climático, o retroceso democrático e a polarización social, e o incerto futuro da esfera laboral.

Mediante este documento, non só se pretendeu contribuír a que todas as persoas participaran na conversación sobre a educación e promover a reflexión, senón tamén instar a todos os individuos a actuar. Segundo a tese fundamental do informe, a través de millóns de actos individuais e colectivos caracterizados pola súa valentía, liderado, resistencia, creatividade e atención, será posible cambiar de rumbo e transformar o ámbito educativo a fin de forxar futuros xustos, equitativos e sostibles.

Logo da introdución deu comezo o debate, no que participaron o propio González, o catedrático da USC Miguel A. Santos Rego, o estudante do grao en Pedagoxía Luis Carrera e a estudante do dobre grao en Mestre de Educación Infantil e Primaria Xiana Sánchez. Asistiron a este debate estudantes que se preparan para ser mestras e mestres de Educación Infantil e Educación Primaria, así como estudantado de Educación Social e Pedagoxía.
 

Parte do público asistente ás xornadas. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente ás xornadas. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2024.