O proxecto DLAB2 do grupo de Tecnoloxía Educativa da USC recibe o Premio europeo á ensinanza innovadora
O proxecto de investigación ERASMUS+ K2 ‘Digital Learning Across Boundaries 2: Developing change makers’ (DLAB2), no que participou o grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa da USC, acaba de recibir o European innovative teaching award (EITA). Este galardón da Comisión Europea distingue as prácticas docentes destacadas dentro do programa Erasmus+ e recoñece o traballo innovador do profesorado universitario participante en proxectos Erasmus, recoñecendo así a súa dedicación e a do seu estudantado á Educación.
O premio salienta o valor da cooperación europea no ámbito da educación superior e a escola como eixo para fortalecer o Espazo Europeo de Educación. No proxecto DLAB2 traballaron, de forma colaborativa, universidades e escolas de cinco países europeos, entre elas, a USC a través do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa (TECNOEDUC) e o CPI O Cruce.