Pasar al contenido principal

Ciencias da Educación e a Universidade de Cabo Verde estreitan vínculos grazas á metodoloxía docente de aprendizaxe-servizo

O grupo Esculca lidera a iniciativa. FOTO: Santi Alvite
O grupo Esculca lidera a iniciativa. FOTO: Santi Alvite
Integrantes do grupo Esculca visitarán a institución africana no marco do proxecto que Alexandre Sotelino lidera en materia de cooperación para o desenvolvemento a través da ApS
Santiago de Compostela

O protocolo de colaboración entre a USC e a Universidade de Cabo Verde permitiu promover o intercambio científico e docente entre ambas as instritucións a partir da relación do Grupo de Investigación Esculca coas institucións de Educación Superior do país africano. Esta sinerxía deu pulo á formación de doutores/as, actividades formativas, e mesmo estadías de investigación como a de Aleida Furtado na USC o pasado curso académico.

Nesta liña, Ciencias da Educación dá un novo paso co proxecto ‘Aprendizaxe-servizo e cooperación para o desenvolmento. Formando para a cidadanía global’ que encabeza o profesor da USC, Alexandre Sotelino. Esta iniciativa está financiada ao abeiro da convocatoria de investigación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, obtendo a máxima puntuación na valoración xeral. Asi, algúns membros de Esculca visitarán a universidade pública cabo verdiana para promover a institucionalización da metodoloxía aprendizaxe-servizo replicando o modelo seguido na USC.

 
Segundo o profesor Sotelino, “do que se trata é de que academia e sociedade acheguen posturas por medio dunha metodoloxía de aprendizaxe activo como é a ApS, e así o alumnado poida formarse dende unha perspectiva aplicada e contextualizada ao tempo que se cobren necesidades sociais da contorna”.

A Aprendizaxe-Servizo (ApS) pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2023.