Pasar al contenido principal

A Comisión Europea renova o financiamento para o consorcio de universidades EUniWell

Durante os próximos catro anos, a Alianza de EUniWell continuará  traballando no deseño dun novo paradigma do benestar cunha orientación multidimensional a nivel  individual, social e a escala internacional. Vista xeral do campus compostelán. FOTO: Santi Alvite
Durante os próximos catro anos, a Alianza de EUniWell continuará  traballando no deseño dun novo paradigma do benestar cunha orientación multidimensional a nivel  individual, social e a escala internacional. Vista xeral do campus compostelán. FOTO: Santi Alvite
A USC é unha das once universidades que forman parte desta alianza, que recibirá 14,4 millóns de financiamento para o período 2023 -2027
Lugo, Santiago de Compostela

A Comisión Europea acaba de anunciar que EUniWell, consorcio que dá forma á Universidade Europea para o Benestar (European University for Well-being), seguirá a recibir financiamento de forma continuada a través da Iniciativa de ERASMUS+, Universidades Europeas, o que constitúe para EUniWell a oportunidade de consolidar o seu liderado en materia de benestar.

Tras unha fase piloto de tres anos, a alianza EUniWell ampliou o número de universidades membro de sete a once, pertencentes a oito países europeos. Na súa proposta para 2023-2027, a Alianza manifestou a súa vontade de ampliar o seu enfoque innovador e multidisciplinar dentro dos ámbitos da educación, da investigación, da innovación, da transferencia e da participación social.

Antonio López, reitor da USC, amosou a súa satisfacción porque a institución forme parte do consorcio EUniWell xa que “se trata dunha oportunidade excepcional para establecer relacións estratéxicas e duradeiras no marco dunha rede internacional, de contribuír á mellora da calidade do sistema universitario en base a unha colaboración centrada no impulso da investigación ao servizo da sociedade e na innovación educativa”, indicou. A integración nesta Alianza, en palabras de María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, “aumentará así mesmo as oportunidades de mobilidade e intercambio de coñecemento entre a comunidade universitaria das institucións que a integran, ao tempo que reforzará a visibilidade da USC a nivel internacional, incrementando o seu potencial para a captación de recursos no marco de convocatorias europeas de financiamento”.

Deseño dun novo paradigma do benestar

Durante os próximos catro anos, a Alianza de EUniWell continuará  traballando no deseño dun novo paradigma do benestar cunha orientación multidimensional a nivel  individual, social e a escala internacional. A través do seu enfoque multidisciplinar e intercultural aspira a proporcionar á sociedade as habilidades e os coñecementos necesarios para afrontar os grandes retos actuais e de futuro,  que van dende a saúde mental individual ata o cambio climático do planeta. A última convocatoria de Erasmus+ outorgou unha contía récord de 402,2 millóns de euros para impulsar a posta en marcha da Iniciativa de Universidades Europeas.

EUniWell

EUniWell, unha das preto de medio cento de alianzas universitarias financiadas pola Comisión Europea ao abeiro do programa ERASMUS+, utilizará a fortaleza colectiva para dar forma ao futuro da educación superior en Europa situando o benestar no centro da súa actividade investigadora, docente e de intercambio internacional. Co seu enfoque no benestar, EUniWell responde ao convite do Consello da Unión Europea para que os estados membros adopten un enfoque horizontal, intersectorial e baseado no coñecemento para promover a 'Economía do Benestar'.

A USC reúne nun novo espazo web toda a información relativa a EUniWell. Trátase dunha canle dispoñible para o conxunto da comunidade universitaria e a sociedade en xeral, de xeito que poidan coñecer as últimas novidades. Ademais todas as persoas interesadas dispoñen do enderezo electrónico euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal) para calquera consulta sobre as accións desenvolvidas ao abeiro deste consorcio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2023.