Pasar al contenido principal

Xa en marcha o proxecto ActivaSenior da man da Cátedra Cruz Vermella Española da USC

Manuel Gandoy, Almudena Hospido, José Luis Barreiro e Loreto Somoza
Manuel Gandoy, Almudena Hospido, José Luis Barreiro e Loreto Somoza

A Cátedra USC-Cruz Vermella Española para a Mellora da Calidade de Vida das Persoas Maiores lanzou este martes na Facultade de Enfermaría o proxecto ActivaSenior, que ten como obxectivo a posta en valor da experiencia e o talento das persoas maiores así como o papel da Universidade nunha sociedade altamente envellecida como a galega.

No acto interviñeron a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido; o director da Cátedra USC-CRE, Manuel Gandoy; a responsable de Programas de Persoas Maiores de Cruz Vermella en Galicia, Loreto Somoza Concheiro; e o presidente de Cruz Vermella en Santiago, José Luis Barreiro. Asistiron ademais o co director da cátedra, Manuel Mayán, e a decana da Facultade de Enfermaría, Ana Silveira.

ActivaSenior supón así unha oportunidade única de fomentar o envellecemento activo e o voluntariado a través da participación de profesionais cualificados da USC e doutros ámbitos como o hospitalario que por xubilación non poden seguir vinculados á súa actividade profesional.

Aínda que o programa está aberto a novas propostas de intervención que suxiran os propios voluntarios, nun principio trátase de que poidan realizar tarefas de voluntariado, de colaboración en actividades culturais, como profesionais de referencia para consultaría ou asesoramento ou mesmo como docentes, ben impartindo conferencias ou colaborando co IV Ciclo ou ben como apoio en Traballos Fin de Grao ou Fin de Mestrado. Para todo isto contarase tamén coa participación do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.

A Cátedra, creada en 2016, segue así apostando dende o seu espazo na facultade de Enfermaría pola colaboración entre investigadores, docentes e outros profesionais que queiran adherirse ao proxecto, e que poderán colaborar na realización de actividades académicas e a promoción das múltiples disciplinas que teñen que ver co envellecemento activo, a promoción da investigación e a difusión de traballos sobre materias específicas da Cátedra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2018.