Pasar al contenido principal

O profesor Rubén Nogueiras, premio ao mellor ‘Talento novo en investigación médica’ dos premios ‘Constantes y vitales’

Rubén Nogueiras, no acto no que recibiu o galardón este xoves
Rubén Nogueiras, no acto no que recibiu o galardón este xoves

O profesor do Departamento de Fisioloxía da USC Rubén Nogueiras acaba de ser recoñecido a nivel nacional como mellor ‘Talento Joven en Investigación Biomédica’ na cuarta edición dos Premios ‘ Constantes y Vitales’. Lanzados pola cadea de televisión laSexta en colaboración coa Fundación AXA, os premios nacen para poñer en valor e fortalecer o labor investigador dos científicos españois no ámbito da biomedicina. Adscrito tamén ao CIBER de Obesidade e Nutrición (CIBERobn), Rubén Nogueiras convértese así no segundo investigador do CIBEROBN que recibe este recoñecemento, xa que en 2016 foille outorgado ao tamén profesor da USC Miguel López, ambos os dous investigadores do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS).

A concesión do premio, destinado a financiar con 100.000 euros as liñas de investigación do seu grupo, é un recoñecemento á traxectoria de Rubén Nogueiras polas súas contribucións no ámbito da bioloxía molecular da obesidade e a súa fisioloxía, en particular polos seus estudos sobre as vías polas que o hipotálamo regula o balance enerxético.

Rubén Nogueiras
Rubén Nogueiras (Vigo, 1977) é doutor en Bioloxía pola USC, institución na que exerce como profesor titular dende 2014. Entre os seus logros científicos merece especial atención o descubrimento das bases moleculares para un control directo do metabolismo lipídico a través do sistema nervioso autónomo. En 2009 puxo en marcha un grupo de investigación, adscrito tamén ao CIBERobn centrado no estudo do mecanismo molecular implicado na obesidade e hoxe continúa investigando as vías polas cales o hipotálamo regula o balance enerxético.

Este mesmo ano recibiu unha das 64 bolsas Leonardo que concede a Fundación BBVA para estudar o papel dun supresor tumoral moi coñecido, o xen p53, na síntese de glucosa e do que se empezan a coñecer novos aspectos en canto á súa función metabólica. O estudo deste mesmo xene xa lle valera en 2011 a concesión dunha axuda Starting Grant do ERC ao que suma dende fai unhas semanas unha axuda Synergy Grant, tamén do European Research Council.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2018.