Pasar al contenido principal

Este portal utiliza cookies propias o de terceros con fines analíticos, así como enlaces a portales de terceros para poder compartir contenido en las redes sociales. Puede obtener más información en la política de cookies.

Alumnado de Ciencias da Educación crea recursos de autorregulación emocional para a cativada de entre 3 e 12 anos

De esquerda a dereita, Eva Villar (profesora), Belén Gavín (ARABÍAS), Micaela Rodríguez (alumna), Zeltia Martínez e Emma Mayo (profesoras), coa selección de materiais entregados
De esquerda a dereita, Eva Villar (profesora), Belén Gavín (ARABÍAS), Micaela Rodríguez (alumna), Zeltia Martínez e Emma Mayo (profesoras), coa selección de materiais entregados
Un total de 145 mozos e mozas desenvolveron diversas actividades e materiais para “prestar unha atención axeitada ás necesidades emocionais” dos máis pequenos/as
Santiago de Compostela

‘RAEIRA: Recursos para a Autorregulación Emocional na Infancia para desenvolver pola Rede de Apoio das crianzas’ é un proxecto de aprendizaxe-servizo creado no marco da materia optativa Educación Emocional dos Graos en Mestre/a en Educación Primaria e Mestre/a en Educación Infantil da USC. Un total de 145 alumnos/as, distribuídos en 39 grupos, desenvolveron a través de RAEIRA unha serie de actividades e materiais para traballar a conciencia e a regulación emocional coa cativada de entre 3 e 12 anos.

O proxecto, coordinado pola profesora do departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC, Zeltia Martínez López, xunto con Mª Emma Mayo Pais e Eva Villar García, permitiu situar o alumnado da materia “en posición de ofrecer un servizo específico e de calidade á comunidade educativa, a cal precisa do apoio do entorno social para poder prestar unha atención axeitada ás necesidades emocionais dos seus nenos e nenas”, explican as profesoras.  

Todo o material educativo xerado —xogos de mesa ou historias que permitan que os nenos e nenas reflexionen sobre como se senten as persoas ante determinadas situacións, entre outros—, doouse á cooperativa ARABÍAS que se encargará de distribuílos entre aqueles contextos comunitarios, familias, asociacións e centros educativos. Martínez, Mayo e Villar destacan que o proxecto RAEIRA “foi ben acollido polo alumnado, que seguiu unha metodoloxía activa, participativa e significativa”. O obxectivo final consistiu en lograr o desenvolvemento e mellora das competencias profesionais dos futuros docentes. Ademais, “o deseño e creación de materiais promoveu que o alumnado se implicase en facer propostas realistas, útiles e accesibles”, engaden.

Manexo positivo das emocións

O proxecto permitiu entender a importancia que teñen as emocións no desenvolvemento psicolóxico e educativo dos nenos/as; desenvolver habilidades para entender, regular e xestionar as emocións dos/as demais; así como deseñar e desenvolver pautas educativas que favorezan a expresión emocional e o manexo positivo das emocións.

Intentouse contar con materiais accesibles que sexan utilizados por todo o alumnado, con independencia das súas capacidades e/ou limitacións e que sexan sinxelos de usar e  doadamente replicables. O horizonte final consistiu en fomentar unha educación inclusiva, para todos e todas, a través do xogo educativo.

A Aprendizaxe-Servizo (ApS) pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. RAEIRA foi aprobado na VI convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.01.2023.