Pasar al contenido principal

Un ano máis, os Premios Mestrelab_AMSlab recoñecen o talento de estudantes de Química da USC

De esquerda a dereita, o catedrático Javier Sardina, Miguel Ángel Ríos, Pilar Bermejo e Manuel Lolo. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, o catedrático Javier Sardina, Miguel Ángel Ríos, Pilar Bermejo e Manuel Lolo. Foto: Servimav-USC

Por segundo ano consecutivo, Mestrelab Research e AMSlab recoñecen o talento dos estudantes do grao de Química da USC cos mellores expedientes académicos. A convocatoria trata de fomentar a colaboración cos sectores socioeconómicos e complementar, deste xeito, a formación do alumnado no eido da investigación e do desenvolvemento científico e tecnolóxico.

Nesta ocasión as gañadoras nas dúas categorías, de finalización e de inicio de estudos, foron dúas alumnas, Noa Varela Domínguez e Lara Troncoso Afonso, respectivamente, que se levan un premio de 2.000 euros cada unha. Ademais, Ricardo Rodiño Balboa e Daniel Marcos Atanes fixéronse con accésits, dotados con 1.000 euros, na modalidade de finalización do grao e Ana Fernández Díaz e Lara Domínguez Chantres na de comezo.

A cerimonia de entrega dos galardóns tivo lugar este venres na propia facultade nun acto no que participaron a decana, Pilar Bermejo; o presidente da real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; o CEO de AMSlab, Manuel Lolo; e o catedrático de Química Orgánica da USC Javier Sardina. O acto contou tamén coa conferencia de Alejandro Delgado Alonso, de Itafarmaco, titulada ‘ ¿Bata o corbata?’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.12.2018.