Psicoloxía impulsa o ciclo de coloquios en liña ‘Unha ollada sobre a pandemia’
A terceira edición do evento ‘Tempo da Psicoloxía', unha iniciativa anual conxunta organizada pola Facultade de Psicoloxía da USC e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, desenvolverase os días 22, 23 e 24 de febreiro baixo o lema ‘Unha ollada sobre a pandemia’. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a divulgación e o debate na USC e na sociedade das achegas da psicoloxía, coincidindo coa celebración do Día da Psicoloxía Académica.
Os coloquios que conforman esta iniciativa darán comezo ás 19.30 horas de xeito virtual a través da plataforma Zoom. Cada un dos días estará dedicado ao efecto da COVID-19 nun sector da poboación. Así, a sesión do luns 22 leva por título ‘Mais alá da resiliencia, o avellentamento asediado pola COVID’. ‘Das ondas ao mar de fondo: a pegada psicolóxica do coronavirus’ centrará o coloquio do martes 23; e ‘A xeración COVID: medrar en tempos de pandemia’, a do mércores 24.
Todas as actividades son de balde e de acceso libre. Non é precisa á inscrición, se ben a capacidade está limitada a 500 persoas. Para acceder hai que premer nesta ligazón cos seguintes datos:
ID de seminario web: 947 6611 6735
Código de acceso: 465256