Pasar al contenido principal

O principal foro internacional de intercambio de experiencias sobre o desenvolvemento da tecnoloxía de redes neuronais/non lineais celulares recalará este mes na USC

O principal foro internacional de intercambio de ideas e experiencias sobre o desenvolvemento da tecnoloxía de redes neuronais/non lineais celulares (CNN) recalará entre os días 14 e 17 de xullo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago onde se vai celebrar o 11º Workshop on Cellular Neural Networks and their Applications” CNNA2008. Trátase da undécima edición dun congreso que se iniciou en Budapest en 1990 e que logo tivo continuidade en Munich, Roma, Sevilla, Londres, Catania, Frankfurt, Budapest, Hsinchu e Estambul.
As redes neuronais/non lineais celulares foron propostas en 1988 como procesadores dinámicos analóxicos para resolver todos os problemas computacionais que se podan formular en termos de interaccións locais entre sinais distribuídas nunha estrutura regular. Na actualidade, as CNN representan un paradigma para a dinámica espazo-temporal non lineal e a base da computación celular, coñecida como computación de ondas activas ou simplemente tecnoloxía CNN.
No ámbito das tecnoloxías emerxentes e máis concretamente no rango da escala nanométrica a nivel de integración, as arquitecturas e os computadores celulares encamíñanse cara as nano-giga escalas (“nano” no relativo á integración e “giga“ dende o punto de vista da aplicación). No CNNA2008 presentaranse os últimos resultados e a exploración de direccións futuras no desenvolvemento desta tecnoloxía e as súas aplicacións. A organización corre a cargo dos profesores David López Vilariño, Diego Cabello Ferrer e Víctor M. Brea Sánchez do Departamento de Electrónica e Computación da USC.
O programa técnico inclúe sesións plenarias, técnicas, sesións de demostración e mesas redondas, nas que participarán destacados especialistas como Leon O. Chua, Tamás Roska, Ángel Rodríguez Vázquez, Wolfgang Porod, Botond Roska, Chai-Wah Wu ou Pinaki Mazumder, entre outros.
Para acadar máis información, as persoas interesadas teñen á súa disposición a páxina web http://www.gva.dec.usc.es/cnna2008/index.php

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.07.2008.