‘Por qué non pode ir o tempo cara a atrás?’, conferencia do Nobel de Física Anthony James Leggett este xoves en Santiago
‘Por qué non pode ir o tempo cara a atrás?’. Con este suxestivo título o premio Nobel de Física en 2003 Anthony James Leggett inaugura este xoves 7 en Santiago a oitava edición do Programa Conciencia, a acción de divulgación científica de máis impacto de Galicia organizada pola USC e o Consorcio da cidade co financiamento da Fecyt. A conferencia, con tradución simultánea, terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio Novagalicia Banco (Rúa Preguntoiro, 23, Santiago) e nela Leggett formulará a posibilidade de que si sexa posible retroceder no tempo. Logo dun encontro con medios de comunicación o mércores, a visita de Leggett, apadriñado na USC polo profesor Manuel Vázquez Ramallo, continuou este xoves cunha recepción no despacho do reitor na que asinou no Libro de Honra da USC. Dúas horas máis tarde na Aula Magna da Facultade de Física mantivo unha reunión científica co persoal investigador da USC na que compartiu as súas últimas reflexións acerca de certos fenómenos cuánticos. A superfluidez no Helio-3 O profesor Leggett, da Universidade de Illinois (Urbana-Champaign, EE.UU.), proporcionou o marco teórico para a comprensión do fenómeno da superfluidez no Helio-3, un dos dous sistemas superfluidos coñecidos ata o momento. A academia sueca concedeulle o Nobel polas súas "contribucións pioneiras á teoría dos supercondutores e superfluidos".