Pasar al contenido principal

Unha tese de doutoramento da USC conclúe que a obra xeométrica de Dieste permite “comprender novas dimensións do autor”

Xosé Díaz Díaz
Xosé Díaz Díaz
O lugués Xosé Díaz Díaz, que acadou a cualificación de apto cum laude, salienta que Dieste aplicaba un modelo filosófico consecuente coa estrutura formal da realidade

O doutorando lugués Xosé Díaz Díaz investiga as concepcións diesteanas de espazo, tempo e movemento, así como a súa competencia coa realidade e o lugar nos procesos de coñecemento, na tese de doutoramento ‘Rafael Dieste e a Xeometría. Argumentos para unha concepción filosófica do espazo como índice de realidade’, un traballo dirixido por Rafael Martínez Castro e Arturo Casas Vales e que acadou a máxima cualificación de apto cun laude. Díaz Díaz salienta no seu estudo a especial relevancia dos tratados sobre xeometría publicados por Rafael Dieste, dado que “á marxe dos aspectos estritamente xeométricos, axudan a abrir e comprender novas dimensións dun autor que, nos seus tratados xeométricos, trata de desenvolver e aplicar un modelo filosófico consecuente coa estrutura formal da realidade”, conclúe este doutorando. O tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento na que Xosé Díaz Díaz afonda no estudo dos tres tratados de xeometría publicados en vida por Rafael Dieste: ‘Nuevo Tratado del Paralelismo’ (1956), ‘¿Qué es un axioma?’ y ‘Movilidad y semejanza’ (1967), tres obras nas que o seu autor reflexiona sobre a demostración do V Postulado de Euclides, estivo presidido pola Catedrática de Metafísica da Universidade de Valencia, Mercedes Torrevejano Parra. Carlos Nieto Blanco, profesor da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Cantabria; Ricardo Moreno Castillo, catedrático de instituto e profesor asociado na Universidade Complutense de Madrid, e José Manuel Rodríguez Rial, director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da USC, tamén formaron parte deste tribunal, no que María López Sández, profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura da USC, actuou en calidade de secretaria. Os argumentos compilados na tese defendida por este licenciado en Matemáticas e profesor de ensino secundario, o lugués Xosé Díaz Díaz, que antes completara os estudos de Bacharelato no IES Xoán Montes, permitíranlle xa acadar un accésit no XIX Premio Carvalho Calero, na modalidade de investigación e ensaio, por un traballo xurdido ao fío da tese doutoral e titulado ‘Dos arquivos xeométricos de Rafael Dieste’.

Como autor de narrativa, Xosé Díaz Díaz xa ten sido recoñecido en varios certames como o Modesto R. Figueiredo ou o Ourense de Contos. Entre as súas publicacións tamén figuran ‘O domine indômito’ (2004), ‘A morriña das balas’ (2006), ‘Fraquezas’ (2011) e ‘O misterioso Dr. Saa’ (2012).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.01.2013.