Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

XII Encontro da Mocidade Investigadora

XII EMI
XII Encontro da Mocidade Investigadora

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá o XII Encontro da Mocidade Investigadora (X EMI) os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.

O XII EMI está organizado por investigadores e investigadoras procedentes da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo, e estará aberto a todos os estudantes de doutoramento destas universidades. Polo tanto, o único requisito para participar neste encontro será ter formalizada a matrícula en calquera programa de doutoramento dalgunha das universidades do Sistema Universitario Galego (SUG). As persoas participantes terán a oportunidade de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que durante dous días ofrecerá sesións de relatorios, pósters e mesas redondas.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que se animen a participar. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).

O XII EMI ofrece unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias coas demais compañeiras predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades. En definitiva, este encontro constitúe un marco incomparable para favorecer as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento.

Outra información de interese

O prazo para entregar a documentación e enviar o formulario comeza o 6 de xuño e remata o 16 de xuño de 2025.

A segunda data para envío de resumos será do día 17 de xuño ata o 27 de xuño ás 23:59.

As persoas do Campus Terra que vaian empregar o transporte en bus facilitado pola organización deben comunicalo ao correo: xii.encontro.mocidade.investigadora@usc.es

Contacto

xii.encontro.mocidade.investigadora@usc.gal

@XII_emi_