Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Eric Allin Cornell

Universidade de Colorado Boulder - JILA (EE.UU.).
Premio Nobel de Física 2001.

Eric Allin Cornell

Premio Nobel “por acadar condensación de Bose-Einstein en gases diluídos de átomos alcalinos, e polos primeiros estudos fundamentais das propiedades de ditos condensados".                      

En base a un traballo do físico hindú S. N. Bose, Albert Einstein prediciu en 1925 que, ao ir baixando moito a temperatura, podía darse un novo estado da materia: un grupo de átomos pechados moi xuntos nunha caixa, que en principio se comportan como un conxunto de bólas rebotando unhas con outras, empezan a sentirse uns aos outros. O arrefriamento reduce a súa velocidade e, ao facelo, as leis da física cuántica (principio de incertidume) ditan que a súa posición se difumina: os átomos crean un borrón de materia, no cal perden a súa identidade individual, confundíndose nunha única nube cuántica que se pode observar macroscópicamente.

Esa condensación dos átomos, chamada condensado de Bose-Einstein, foi unha quimera teórica durante 70 anos, ata que en 1995 Carl Wieman e Eric Cornell (que tiña entón 33 anos de idade) conseguiron acadar tal estado, arrefriando átomos de rubidio con láseres e campos magnéticos ata a ínfima temperatura de 170 nK (170 mil millonésimas de grao por riba do cero absoluto).

Nesa temperatura tan baixa, tal e como predicira Einstein, as ondas de materia deses átomos coordináronse e comportáronse como se fosen un novo ente, un superátomo produto da condensación do conxunto, que ten unha resposta conxunta coordinada, en vez de funcionaren os átomos individuais como bólas independentes. Nese estado podería dicirse que os átomos cantan ao unísono, como se fosen un láser de materia. Por indicar unha analoxía: un gas ordinario é ao condensado de Bose-Einstein o que a luz natural é a un raio láser.

O achado non só pechou unha busca de 70 anos no eido da física, senón que marcou un antes e un despois na disciplina, dando nacemento a unha liña de traballo que día a día sorprende con novos fitos. A revolución foi de tal magnitude que só 6 anos despois Cornell foi galardoado co Premio Nobel (aos 39 anos), xunto a Carl Wieman e Wolfgang Ketterle. As posibilidades que abre este novo estado da materia están dando resultados asombrosos non só a nivel das bases da propia física, senón que tamén no eido tecnolóxico, en telecomunicación, tratamento de materiais, desenvolvemento de reloxos atómicos do tamaño dun chip ou computación.

Este contido está bloqueado porque non se aceptaron as cookies de Vídeo.
Aceptar todas as cookies
Conferencia de Eric Allin Cornell (19.09.2013)

Novas relacionadas