Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Premio Fonseca 2011: Sir Roger Penrose

"Pola súa capacidade de divulgar a ciencia, situando ao lector na fronteira do coñecemento nun vasto eido multidisciplinar, dende as orixes do universo aos misterios da mente humana, do mesmo xeito creativo e arriscado que caracterizou tamén a súa brillante traxectoria científica"

Sir Roger Penrose

O xurado desta cuarta edición estivo formado polo reitor da USC, Juan Casares Long; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva Prieto; o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Denis Hombre; o director en funcións dos museos científicos coruñeses, Manuel Miramontes Antas; o editor científico da revista Muy Interesante, Miguel Ángel Sabadell Melado; o profesor do departamento de física de partículas da USC José Daniel Edelstein Glaubach, e polo director do programa ConCiencia, Jorge Mira Pérez.

O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela, conscientes da importancia da transferencia do coñecemento e da necesaria culturización científica da sociedade, acordaron en 2006 crear o programa ConCiencia para invitar ás principais mentes do panorama internacional a transmiti-las súas ideas a unha cidade símbolo da cultura e o coñecemento.

Ao abeiro do programa ConCiencia nace o Premio Fonseca de divulgación científica, coa fin de incentivar a transmisión deste saber ao gran público. Nese labor cómpre recoñecer o papel dos medios de comunicación que, ademais de seren o principal instrumento desa transmisión, esixen unha eficaz adecuación aos mesmos dos contidos a transmitir.

Membro da Royal Society de Londres, en 1990 gañou o Science Book Prize e dous anos antes compartiu con Stephen Hawking o Premio Wolf en Física, considerado a antesala dos Nobel. Precisamente en 1965 en Cambridge probou con Hawking, con quen ten varias obras publicadas, que as singularidades poden formarse a partir do colapso de inmensas estrelas moribundas.

Moito tempo antes, como estudante, reinventou a inversa xeralizada, máis coñecida como a inversa Moore-Penrose. Outro descubrimento produto das súas investigacións nos anos sesenta sería a hipótese de censura cósmica, que propón que o universo nos protexe da impredictibilidade das singularidades como os buratos negros ocultándoos da vista. Resolver isto é un dos problemas máis importantes na teoría da relatividade.

A interdisciplinariedade deste profesor de Oxford chega incluso ao mundo da arte, de maneira que as figuras imposibles que deseñou nos anos 50 –triángulo e escaleira de Penrose- foron logo popularizadas con éxito polo artista holandés Maurits Escher.

Como divulgador, ten publicados libros clave como “The emperor’s new mind” (1989), “Shadows of the mind” (1994), “The road to reality: a complete guide to the laws of the universe” (2004) e “Cycles of time” (2010). En colaboración con Stephen Hawking publicou os libros “The nature of space and time” (1996) e “The large, the small, and the human mind” (1997).

Entre os premios recibidos por Penrose destacan, ademais do Premio Wolf 1988, a Medalla Eddington en 1975, a Medalla Dirac en 1989, a Medalla Albert Einstein en 1990, o Premio Naylor en 1991 ou a importante Medalla Copley en 2008; o Premio Nobel de Física, que lle foi concedido en 2020.

Este contido está bloqueado porque non se aceptaron as cookies de Vídeo.
Aceptar todas as cookies
IV Premio Fonseca. Roger Penrose (23/11/2011)