Skip to main content

Un obradoiro sobre Parga Pondal e o segundo ‘wikimaratón’ pechan os actos do Día da Ciencia en Galego

Por cuarto ano, a USC celebra o Día da Ciencia en Galego, un abano de actividades coas que se reivindica o dereito a unha formación científica en lingua galega en todos os niveis educativos. Este ano a efeméride está dedicada aos científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal, este último universalmente considerado como símbolo do científico galego.

Logo da sesión protocolaria celebrada o pasado mércores, as próximas citas deste efeméride desenvolveranse, en Santiago, o sábado 7 no Museo de Historia Natural da USC onde terán lugar unha serie de obradoiros gratuítos arredor do pai da Xeoloxía en Galicia, para os que é preciso inscrición previa. Nenos e nenas de entre 6 e 12 anos visitarán en horario de mañá as coleccións do MHN nas que Parga Pondal traballou e realizarán actividades ao seu redor coas que poderán comezar a súa propia ‘Colección de pedras de Galicia como no seu día fixera Parga. A quenda dos adultos será o mesmo día en horario de tarde, de 17.00 a 19.00 horas.

Tamén o sábado, a Biblioteca Intercentros de Lugo acolle de 10.30 a 19.00 horas o segundo ‘ Wikimaratón’ do Día da Ciencia en Galego. Este evento, que se celebra por segundo ano consecutivo, xuntará durante toda a xornada persoas interesadas en ampliar e mellorar os contidos da Galipedia vinculados a científicos galegos, a algunha das temáticas ás que se dedica este Día en 2015 (o solo e a luz) e a disciplinas científicas especialmente relevantes no campus de Lugo.

A segunda edición do ‘wikimaratón’ do Día da Ciencia en Galego permitirá ás persoas participantes traballar, entre outras cuestións, na tradución ao galego das pautas de clasificación dos solos da FAO, ademais de dar continuidade a accións e liñas temáticas xa comezadas en edicións anteriores. A cita inclúe tamén un xantar de traballo e o relatorio ‘Xogando coa mente marabillosa de John Nash’, a cargo de Julio González Díaz, investigador do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC. As persoas interesadas poden participar neste evento de xeito presencial ou en liña.

The contents of this page were updated on 11.06.2015.