Skip to main content

A universidade homenaxea ao científico Isidro Parga Pondal

Nunha iniciativa do Día da Galeguidade Empresarial que organiza o Foro Peinador

A Facultade de Química da Universidade de Santiago será este xoves 15 testemuña dunha homenaxe ao insigne científico galego Isidro Parga Pondal a iniciativa do Foro Enrique Peinador, que lle dedicou o Día da Galeguidade Empresarial. O acto central terá lugar ás 13.00 horas na Aula Magna da Facultade e nel intervirán o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; os reitores de Santiago e A Coruña, Juan Viaño e Xosé Luís Armesto; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; a decana da Facultade de Química, Pilar Bermejo Barrera; e o historiador e autor da biografía Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal Ricardo Gurriarán Rodríguez. Ademais, de acordo aos cometidos do Foro que preside e promove a homenaxe, Xosé González dará paso aos representantes das catro empresas que se comprometen a incorporar a súa actividade á lingua galega. Así, asisten Ángel Concheiro Coello, da Asociación Galega de empresas de restauración; Rafael Cuiña Aparicio, do Grupo Aurela; Yolanda Vaamonde, de Caixa Rural Galega; e José Felicísimo Pereira, adegueiro do Ribeiro que cambiará de lingua nas etiquetas da súa adega. Previo a este acto académico, ás 12.30 horas no vestíbulo da Facultade descubrirase un busto do homenaxeado, obra de José Molares. Xunto co reitor Juan Viaño participarán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o deputado Provincial Carlos López Crespo en representación da institución que encargou a escultura.

The contents of this page were updated on 01.14.2015.