Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

Xa se poden presentar obras ao concurso de pintura CreArte na Universidade

'Ortesánek', de Ana Lombao Vázquez, foi a obra gañadora da última edición
'Ortesánek', de Ana Lombao Vázquez, foi a obra gañadora da última edición
Cun premio de 1.200 euros á gañadora, o prazo de presentación remata o 21 de marzo

Un ano máis, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais convoca o seu concurso de pintura CreArte na Universidade, ao que pode concorrer calquera persoa cunha obra de temática libre creada entre xaneiro de 2024 e marzo de 2025. O prazo de presentación finalizará ás 14.00 horas do 21 de marzo. De entre as obras seleccionadas, o xurado outorgará un único premio de 1.200 euros a unha obra que pasará a formar parte do patrimonio do centro.

Trátase dunha iniciativa que a Facultade puxo en marcha en 2011, que entronca coa tradición do centro de aposta polo fomento da arte galega, configurando unha colección de obras de arte posta a disposición dos membros da comunidade universitaria e o público xeral. A convocatoria desta décimo cuarta edición de CreArte, coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, busca acrecentar o apoio á creación artística e ao coleccionismo prestando especial atención á arte como elemento fundamental para o crecemento persoal no seu máis amplo sentido.

As propostas achegadas a CreArte deberán ter unhas dimensións comprendidas entre 50x50 centímetros e 120x120, e deberán presentarse enmarcadas cun listón cun ancho máximo de 3 centímetros ou sen enmarcar pero sobre un bastidor. As obras seleccionadas polo xurado formarán parte dunha exposición temporal que se instalará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais durante os meses de abril e maio deste ano.

The contents of this page were updated on 02.18.2025.