Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

Paisactivo presenta un manual de boas prácticas e casos de éxito para unha xestión dinámica do espazo rural

Ostana, na rexión do Piamonte italiano, que o consorcio de Paisactivo puido coñecer persoalmente durante visitas de estudo. FOTO: https://www.facebook.com/paisactivoEU
Ostana, na rexión do Piamonte italiano, que o consorcio de Paisactivo puido coñecer persoalmente durante visitas de estudo. FOTO: https://www.facebook.com/paisactivoEU
A obra conta cunha serie de experiencias internacionais a través das que analizar estratexias e accións orientadas a revitalizar os territorios rurais
Lugo

Manual de boas prácticas e casos de éxito na xestión activa do espazo ruralrecompila unha vintena de boas prácticas na xestión activa do espazo rural, en particular das aldeas e da súa contorna. A obra acompáñase tamén cunha serie de casos de éxito internacionais a través dos que analizar estas estratexias e accións orientadas a revitalizar o espazo rural, fomentar o seu desenvolvemento socioeconómico e mellorar a calidade de vida das persoas que habitan estes territorios rurais. O libro presentouse este mércores 6 no Edificio Cactus do Campus de Lugo da USC e é froito do consorcio do proxecto transfronteirizo ‘Paisactivo–Paisaxes cortalumes’.

Esta primeira publicación dentro deste proxecto Interreg POCTEP materializa o traballo realizado polo consorcio no seu primeiro ano de actividade. Entre as boas prácticas recollidas atópase a necesidade da clarificación da propiedade, a xestión de terras de propiedade descoñecida, a educación da cidadanía para a protección do lume, ou a importancia dos servizos de asesoramento. Algunhas xa foron aplicadas en varios casos de éxito que se recollen no Manual, e entre os que están sete aldeas de Galicia: Bustelo de Fisteus, Francos de Proendos e Moreda (Lugo); Carzoá, Meixide, Osmo, Pedrosa e o polígono agroforestal de Oímbra (Ourense). 

En Portugal, o foco ponse nos proxectos de Freixel, Marcelín, Mosteirão, Parada de Monteiros, São Simão de Gouveia, Senradelas, Talhada, Vilarinho das Quartas, e Quintandona. Outros casos de éxito están dedicados a Kuartango en Araba (Euskadi) e Ostana (rexión do Piamonte, Italia), que o consorcio de Paisactivo puido coñecer persoalmente durante visitas de estudo. Tanto as experiencias positivas como mesmo algúns fracasos analizados en perspectiva de aprendizaxe, poden replicarse noutros territorios, sinalan os autores. 

Coñecemento fronte aos incendios

O evento do Campus Terra foi tamén unha oportunidade para debater e destacar a necesidade da ordenación rural para conseguir un territorio máis resiliente fronte aos incendios, que é o obxectivo de Paisactivo. En paralelo á presentación do informe, contouse coa intervención de especialistas de Galicia e Portugal como os catedráticos David Miranda, do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, e José Alberto Rio, da Facultade de Letras da Universidade do Porto. Este último impartiu o relatorio ‘Aldeas con futuro’ centrado no papel destes núcleos de poboación como instrumento de apoio ás decisións políticas en aldeas de montaña. 

Pola súa banda, Jorge Blanco, subdirector de Promoción Internacional da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, recordou que o fin de Paisactivo – Paisaxes cortalumes “é aumentar a resiliencia do territorio fronte ao risco de incendios, valorizando e mellorando a xestión sostible das terras agroforestais, mentres se protexen e dinamizan os asentamentos rurais e se promove a súa sostibilidade”. 

O proxecto desenvolverá dúas iniciativas piloto, unha no sur de Galicia e outra no norte de Portugal. En concreto, na aldea ourensá de Infesta (Monterrei) e na portuguesa de Almofrela (Baião) nas que se levarán a cabo diversas actuacións de xestión sostible agroforestal mediante a dinamización das comunidades locais, apoiándose en instrumentos lexislativos existentes como a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e o Plan de Transformação da Paisagem luso.

Consorcio

O consorcio de Paisactivo está formado por oito socios coordinados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia. Por parte de Galicia, participan a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Juana de Vega (FJdV) e o Concello de Monterrei (Ourense). No caso de Portugal, os socios son a Comunidade Intermunicipal do Tâmega e Sousa, o Município de Baião, o Centro de Estudos de Geografia e Ordenamento do Território (CEGOT) da Universidade do Porto e a Direção-Geral do Territorio, organismo público do Goberno de Portugal. O proxecto, financiado ao 75% polo Programa de Cooperación Interreg VIN A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, conta cun orzamento total de 1.581.486,26 euros. A semana pasada, este mesmo evento de presentación tivo lugar na Facultade de Letras da Universidade do Porto (Portugal).

O profesor Miranda durante a súa intervención
O profesor Miranda durante a súa intervención
The contents of this page were updated on 11.06.2024.