Skip to main content

ECAI 2024 reivindica a “achega pública” na IA e que as investigacións teñan “impacto ético e legal na economía, as persoas e a democracia”

Foto de grupo do comité organizador local, no que traballaron máis de cen persoas
Foto de grupo do comité organizador local, no que traballaron máis de cen persoas
Concluíu a European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024), o Congreso científico máis importante de Europa no campo da Intelixencia Artificial

A European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024) clausurou este xoves a súa 27ª edición cun chamamento ao sector público a manter a “achega” financeira na investigación sobre Intelixencia Artificial (IA) e a reivindicación de que a comunidade investigadora teña presente nos seus traballos o “impacto ético e legal no emprego, na economía, nas persoas e nas democracias”.

O director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) e presidente do comité organizador, senén Barro, destacou na súa intervención na clausura que “a calidade científica” de ECAI 2024 “ten sido excepcional” e expresou a súa “enorme satisfacción” polos moitos participantes xoves, “moi ben formados e entusiasmados coa súa investigación”, ademais do “significativo número de mulleres, aínda que neste terreo queda moito por facer para lograr o necesario equilibrio de xénero na IA”.

Non obstante, o director do CiTIUS advertiu que “non seremos bos investigadores nin formaremos ben os novos se só nos dedicamos aos aspectos científicos e tecnolóxicos da IA, sen facelo tamén polo seu impacto ético e legal”. Neste sentido, lembrou que o lema de ECAI 2024 -‘Celebrating the past, Inspiring the future’ (Celebrando o pasado, Inspirando o futuro)- debe convidar a “reflexionar” sobre o “camiño andado” nos últimos 50 anos. “Se o ignoramos estaremos condenados a reproducilo, reinventando a roda unha vez máis”, dixo. “Ese pasado necesario construíuse sobre todo ao abrigo do sector público e o seu sistema de financiamento. Sen el, non habería hoxe nada que interesase ás compañías nin nada que lles permitise desenvolver produtos, servizos e aplicacións novedosas, algunhas mesmo disruptivas. As empresas saben que teñen ante si as tecnoloxías de maior impacto e importancia, despois da linguaxe humana, de cantas teñamos desenvolvido nunca”, asegurou.

“Celebramos que a nosa investigación teña valor e sexa levada ao mercado polas empresas, pero non queremos que sexan só as empresas as que alumeen o camiño do futuro. Loitemos e mobilicemos os nosos gobernos para que non sexa así”, concluíu.

Expectativas superadas 
Pola súa parte, Carles Sierra, presidente da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), destacou que a ECAI 2024 alcanzou o récord de participantes de todas as celebradas ata o momento. “Ten sido a maior que recordamos e, por tanto, excedeu con creces as expectativas de EurAI”, engadiu. 
Na súa opinión, a presente edición de ECAI contribuíu a que os “investigadores en IA de Europa e do resto do mundo” -un terzo procedía de fóra de Europa- “compartan os seus últimos resultados” e salientou como “especialmente relevantes” os traballos sobre diferentes usos de modelos de linguaxe, como ChatGPT.

Carles Sierra considera que Europa está “forte en investigación fundamental e máis débil no desenvolvemento de aplicacións con impacto”. Así, recoñeceu que a “transferencia dos resultados de investigación a produtos comerciais segue a ser a materia pendente de Europa”. Non obstante, prognostica que a “UE seguirá investindo fortemente nesta tecnoloxía, e o crecemento económico do sector será moi importante nos próximos años”.

Valoración positiva 
Pola súa parte, Alberto Bugarín, coordinador do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS e co presidente do comité organizador local, realizou unha “valoración positiva” porque supuxo “situar Santiago e Galicia no centro da IA a nivel mundial” e permitiu “debater sobre os últimos resultados en cuestións como o procesamento da linguaxe, a robótica social ou a visión por computador”.

Bugarín destacou que a coincidencia desta edición co 50 aniversario do congreso ECAI supuxo “un bo momento para reflexionar sobre temas de actualidade como a IA responsable, cal é o futuro da IA e o seu impacto”, ademais de “gacelo con coñecemento, sen alarmas inxustificadas e coa pausa que requiren as cuestións importantes”.

Finalmente, explicou que a organización do evento significou para o CiTIUS da USC un “esforzo e un reto importante, porque involucramos máis de 100 persoas só na organización local para acoller máis de 1.600 investigadores de IA de todo o mundo”. “E fixémolo con éxito por segunda vez, o cal é o mellor indicador de que temos un grupo de investigación formado por persoas excelentes, boas investigadoras e responsables para levar a bo porto un reto deste tamaño”, concluíu.

ECAI 2024 
A European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024), celebrada desde o pasado 19 de outubro en Santiago, reuniu máis de 1.600 congresistas de todo o planeta, que representan a elite mundial en investigación da IA. Auspiciado pola Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), a Sociedade Española de Intelixencia Artificial (AEPIA) e organizado polo CiTIUS da USC, incluíu un amplo programa coa presentación dos últimos resultados científicos, conferencias, paneis de debate, obradoiros e demostracións para poñer en valor a achega da IA ao desenvolvemento da sociedade. 
 

The contents of this page were updated on 10.25.2024.