Skip to main content

Apuntan a necesidade “urxente” de establecer programas de prevención temperá para evitar as agresións sexuais múltiples

A xornada desenvolveuse no CEA coa presenza de profesionais de moi diversos ámbitos. Foto: Santi Alvite
A xornada desenvolveuse no CEA coa presenza de profesionais de moi diversos ámbitos. Foto: Santi Alvite
A Unidade de Psicoloxía Forense da USC presentou un estudo empírico sobre as agresións grupais no marco doutra xornada interprofesional de análise da percepción da violencia sexual e o consentimento

A violencia sexual contra as mulleres continua a ser unha realidade altamente preocupante e de grande interese para a investigación. Dende esta inquietude, a Unidade de Psicoloxía Forense da USC reuniu este xoves no Centro de estudos Avanzados 70 profesionais e persoal académico nunha xornada interdisciplinar de traballo dun proxecto de investigación sobre a percepción sobre a violencia sexual e o consentimento sexual, e máis concretamente na análise de riscos e implicacións para a prevención no ámbito universitario.

Este proxecto pretende incrementar o coñecemento sobre a violencia sexual propoñéndose como obxectivo analizar as medidas de prevención, protección e intervención nos eidos xurídico, social, sanitario, educativo, de hostelería e ocio, e das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como identificar boas prácticas e levar a cabo propostas de mellora na atención as mulleres denunciantes tendo en conta o persoal experto.

Agresións sexuais múltiples
Para avanzar no estudo da violencia sexual, o grupo de investigación impulsor mantivo o pasado ano outra xuntanza interprofesional, nesa ocasión sobre as agresións sexuais múltiples a mulleres cun enfoque analítico con orientación de xustiza terapéutica. Os resultados dese traballo deron lugar a unha publicación coordinada polas profesoras Dolores Seijo, Mercedes Novo e María Villarquide que precisamente se presentou este xoves logo de desenvolver unha xornada de traballo interdisciplinar semellante á de hoxe e dun estudo empírico de análise de sentencias xudiciais.

Dese traballo empírico despréndese que os agresores son adultos dunha idade media de 25 anos (aínda que en varias das agresións participaron menores de idade) que polo xeral non presentan antecedentes penais previos e, cando o fan, no están vinculados a delitos de carácter sexual. Para as autoras e autores do traballo, ambos os dous factores, xuventude e ausencia dun pasado delictivo, poñen de manifesto a necesidade “urxente” de establecer programas de prevención temperá “dirixidos a evitar a aparición deste tipo de comportamento”.

Recolle tamén o estudo que o máis habitual é que as agresións en grupo analizadas acontezan pola noite e principalmente en contextos de ocio nocturno. Por outra banda, na maioría dos casos os acusados eran descoñecidos para a vítima.

A raíz dos datos obxectivos extraídos, e logo do proceso de discusión con profesionais de todos os ámbitos, concluíron na necesidade de sensibilizar e formar en materia de violencia sexual a nenos, nenas e adolescentes desde idades temperás tanto na escola como na familia, ás propias familias, ao profesorado, aos profesionais implicados en materia de violencia sexual, aos medios de comunicación e á poboación en xeral. Apuntan ademais a necesidade de regular o acceso das persoas máis novas aos contidos pornográficos e potenciar as escolas de familias.

Mellorar a información que reciben as mulleres vítimas, o seu asesoramento, a súa orientación e potenciar os recursos cun enfoque de Xustiza Terapéutica dirixidos ás mulleres denunciantes e ás que están inmersas no proceso xudicial así como mellorar a intervención coas persoas agresoras adaptando os programas ás súas características son outras das achegas que propoñen no estudo.

Todas estas propostas materialízanse no estudo en diversas accións concretas tanto no ámbito da prevención como no da protección e asistencia e do benestar, sempre aplicando, insisten, un enfoque de Xustiza Terapéutica.

A percepción sobre a violencia sexual e o consentimento, a análise en 2024
Na xuntanza deste xoves comeza unha nova andaina do proxecto, esta vez centrada na percepción da violencia sexual e o consentimento sexual no ámbito universitario, sobre a que traballaron as investigadoras da Unidade de Psicoloxía Forense da USC Jéssica Sanmarco Vázquez e Verónica Marcos Martínez e que deu lugar a un panel de discusión e de posta en común de propostas que serán elevadas a unha sesión plenaria final. Nesta xornada interprofesional no CEA participaron profesionais dos ámbitos social, xurídico, sanitario, educativo e das forzas e corpos de seguridade.

Ambas as dúas xornadas interprofesionais, a de 2023 e a deste venres, realízanse ao abeiro de un convenio coa Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de Medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
 

The contents of this page were updated on 10.24.2024.