Skip to main content

A xornada sobre a linguaxe de programación R aborda desde a fenda dixital aos patróns da cerámica de Sargadelos

O uso de móbiles e ordenadores que é habitual nas xeracións máis novas non está ao alcance de toda a sociedade en moitos países. FOTO: Santi Alvite
O uso de móbiles e ordenadores que é habitual nas xeracións máis novas non está ao alcance de toda a sociedade en moitos países. FOTO: Santi Alvite
As experiencias desenvolvidas co emprego desta aplicación poderán coñecerse de xeito presencial na Facultade de Matemáticas da USC ou en liña a través da rede

A XI Xornada de Usuarios de R na comunidade galega, unha ferramenta fundamental para a análise de datos, terá lugar o xoves 24 de outubro de forma presencial na Facultade de Matemáticas da USC, e tamén se poderá seguir en directo a través de YouTube. O encontro servirá de espazo para que as persoas interesadas establezan colaboracións dentro da comunidade e compartan experiencias de uso da linguaxe de programación R coma o seu emprego para a análise de datos xenómicos ou o estudo de patróns matemáticos nas cerámicas de Sargadelos.

Organizado pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) e patrocinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o evento busca difundir o coñecemento sobre R e as súas aplicacións no campo da estatística e a análise de datos a través dun programa que recolle vinte relatorios, que aborda temas tan diversos coma a estatística de vivendas familiares, o efecto autopercibido da asma na calidade de vida ou o cálculo de rutas de escape nun incendio forestal.

Entre eles, seis serán impartidos por especialistas como María Alonso Pena e Adrián Casanova Chiclana da Universidade de Santiago de Compostela; María Esther López Vizcaíno do Instituto Galego de Estatística; Salvador Naya Fernández e Javier Tarrío Saavedra da Universidade da Coruña; Nora Martínez Villanueva da Universidade de Vigo e Isabel Fuentes Santos do Instituto de Investigacións Mariñas.

Haberá ademais participantes do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), da Xunta de Galicia, así como do Instituto Galego de Estatística e das tres universidades galegas ou da Universidade Carlos III de Madrid. Tamén participarán representantes de universidades internacionais, como a Universidade Cooperativa de Colombia, Universidade Federal Fluminense (Brasil) e da Academia da Força Aérea (Brasil), así como un profesor do IES Pedra da Auga en Ponteareas.

O comité organizador está formado por María José Ginzo Villamayor, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela e presidenta de MeLISA; Rafael Rodríguez Gayoso, membro de MeLISA; e Miguel Ángel Rodríguez Muíños, da Consellería de Sanidade e membro de MeLISA. O comité científico inclúe tamén a María José Ginzo Villamayor e Miguel Ángel Rodríguez Muíños.

The contents of this page were updated on 10.18.2024.