Especialistas en saúde adéstranse en Compostela no emprego de lentes intelixentes para videomodelado
Un total de 20 profesionais do consorcio que desenvolve o proxecto europeo Clinical Modelling reúnense esta semana na Facultade de Enfermería da USC, onde van recibir capacitación intensiva no uso de lentes intelixentes Vuzix M-400 para videomodelado e na edición de vídeos con fins educativos. Esta formación compleméntase con sesións prácticas que seguen unha etapa teórica que incluíu a metodoloxía de videomodelado en educación sanitaria, aspectos pedagóxicos, deseño de leccións e novos roles para os estudantes.
O equipo da USC neste proxecto internacional está liderado por Manuel Gandoy Crego e Raquel Rodríguez González como investigadores principais (IP), e nestas sesións participará profesorado da Facultade de Enfermaría e integrantes do Grupo de Investigación en Dependencia, Xeriatría e Xerontoloxía (GI-1670), incluíndo os dous IP e mais a David Rey Bretal, Emilio Rubén Pego Pérez e Noelia Gerbaudo González.
O programa de capacitación que acolle a Facultade de Enfermaría do luns ao mércores servirá para impulsar o ensino da enfermaría e fomentar a innovación tecnolóxica aplicada á formación de profesionais do futuro no ámbito sociosanitario. Ademais, realizarase unha visita ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), en colaboración coa Cátedra de Intelixencia Artificial en Saúde, onde se ofrecerá unha introdución ás liñas de traballo aplicadas á área da saúde, así como demostracións prácticas.
Avances
Posteriormente, as persoas asistentes poderán gozar dun percorrido polo patrimonio histórico da USC antes de trasladarse á cidade portuguesa do Porto, onde se desenvolverá a segunda parte da reunión. Durante os dous días no Porto abordaranse aspectos cruciais do proxecto, como a xestión, a vixilancia de calidade e os avances nas actividades dos distintos grupos de traballo.
Este proxecto, que se iniciou en outubro de 2023 co lema ‘Aproximación ao videomodelado aplicado ao desenvolvemento profesional inicial e continuo de equipos cirúrxicos’, está financiado a través do programa ERASMUS+, ten unha duración de dous anos e enmárcase na liña de investigación ‘Desenvolvemento de modelos innovadores para a formación de equipos de saúde’. O consorcio internacional inclúe ademais da USC e o Servizo Galego de Saúde socios doutros tres países: INOVA+ e a Escola Superior de Saúde Santa Maria e Fundação Santa Maria en Portugal; o Hospital Xeral Novo Mesto e a Universidade de Liubliana en Eslovenia e a Universidade Jagiellonian en Polonia.