Skip to main content

Matemáticas acolleu a presentación do libro homenaxe a José Rodríguez, o primeiro científico galego internacional

Busto de José Rodríguez González e libro na súa homenaxe. FOTO: Santi Alvite
Busto de José Rodríguez González e libro na súa homenaxe. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López salientou do matemático “o asombroso que debeu ser que hai douscentos anos e de orixe humilde, puidera estudar e conectar cos principais científicos europeos”

A Facultade de Matemáticas da USC acolleu este xoves a presentación do libro José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime, en homenaxe a este lalinense que é considerado como o primeiro científico galego internacional polas conexións que mantivo coas comunidades científicas dun bo número de países e que foi nomeado Científico Galego do Ano en 2024 pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

Á presentación do volume, editado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a RAGC asistiron o reitor da USC, Antonio López; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; o editor, Juan José Nieto Roig; e varios dos autores da publicación, que xa está dispoñible para descarga na web do CCG.

O reitor da USC destacou a capacidade de superación de José Rodríguez González e “o asombroso que debeu ser que hai douscentos anos e de orixe humilde, puidera estudar e conectar cos principais científicos europeos”. O conselleiro de Educación puxo de relevo a importancia “histórica, académica, científica do matemático Rodríguez que foi adiantado ao seu tempo e detrás do que hai moito traballo e talento”. Pola súa banda,  a presidenta do CCG afirmou que o homenaxeado “foi un matemático excepcional, un cidadán exemplar e un político liberal sempre preocupado polo país que, ademais, forma parte da historia cultural e política do país xa que pertenceu ao círculo de intelectuais composteláns que puxeron a andar escritos en galego de propaganda política”.

Todas esas visións están recollidas nos artigos que contén o volume que, en palabras do presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema, “pretende ser unha visión 360 grados para dar a coñecer a personalidade deslumbrante”.
 

En primeiro plano, pola esquerda: María Elena Vázquez Cendón, Juan Manuel Lema, Rosario Álvarez, Antonio López, Román Rodríguez e Xosé Crespo. FOTO: Santi Alvite
En primeiro plano, pola esquerda: María Elena Vázquez Cendón, Juan Manuel Lema, Rosario Álvarez, Antonio López, Román Rodríguez e Xosé Crespo. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.03.2024.