Skip to main content

Unha xeración libre de tabaco evitaría máis dun millón de mortes por cancro de pulmón

O consumo de tabaco é a principal causa de morte evitable en enfermidades crónicas. FOTO: Santi Alvite
O consumo de tabaco é a principal causa de morte evitable en enfermidades crónicas. FOTO: Santi Alvite
Os resultados deste estudo da USC e da Axencia Internacional para a Investigación en Cancro baséanse nun hipotético escenario no que se lle prohibise consumir tabaco, nun total de 185 países, á poboación nacida entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2010

A prohibición da venda de produtos de tabaco a persoas nadas a partir dun ano específico co obxectivo de que nunca empecen a consumilo coñécese como ‘xeración libre de tabaco’. Esta é unha medida que ten sido aplicada ou tomada en consideración en diversos países pero, ata o de agora, nunca se realizara unha estimación global do impacto que pode chegar a ter unha actuación deste tipo en todo o mundo. O estudo liderado pola USC e a Axencia Internacional para a Investigación en Cancro (IARC), entre outros colaboradores, que acaba de publicarse en Lancet Public Health, estima que unha actuación desta envergadura evitaría 1,2 millóns de mortes por cancro de pulmón no planeta. 

A investigación que abarca un total de 185 países baséanse nun hipotético escenario no que se lle prohibise consumir tabaco á poboación nacida entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2010, asumindo que a acción se aplicase perfectamente. A cifra de vidas que se salvarían supera a barreira do millón, o que supón evitar o 40,2% de todas as mortes por cancro de pulmón, nas persoas nadas nese quinquenio, ata 2095. Evitaríase un maior número de mortes por cancro de pulmón en homes (45,8% do total de mortes) que en mulleres (30,9% do total).

Por rexións, a maior porcentaxe de mortes rexístrase en Europa Occidental (73,6%). En homes, evitaríanse máis pasamentos na rexión de Europa Central e Oriental (74,3%) e, no caso das mulleres, en Europa Occidental (77,7%). “A pesar de que globalmente, a porcentaxe de mortes evitables por cancro de pulmón é maior en homes, nalgunhas rexións de América do Norte, Europa e Australia e Nova Zelandia esta porcentaxe é maior en mulleres”, explican dende o equipo investigador que na USC está integrado por profesorado da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública. Trátase de Julia Rey Brandariz (primeira autora), Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, tamén coordinador de Epidemioloxía do Grupo Español de Cancro de Pulmón e integrante do equipo de investigación do CRETUS da USC. O equipo destaca que, en España, evitaríanse 21.900 mortes, das cales, 11.600 corresponden a homes e 10.300 a mulleres. “Isto suporía evitar o 71,9% e 73,1% das mortes por cancro de pulmón esperadas en homes e mulleres, respectivamente”, explican.

Tobacco endgame

A xeración libre de tabaco é unha medida que forma parte dunha estratexia coñecida como tobacco endgame que busca acabar drasticamente coa epidemia tabáquica. Nova Zelandia foi pioneira na implementación desta medida prohibindo a venda de produtos de tabaco ás persoas nadas a partir do 1 de xaneiro de 2009, pero un cambio de goberno retirou esta medida. En Reino Unido, a prohibición da venda de tabaco a persoas nadas a partir do 1 de xaneiro de 2009 está a ser considerada para a súa implementación en 2027. Medidas similares á xeración libre de tabaco foron aplicadas anteriormente en cidades de Estados Unidos e Filipinas.

Aínda que o estudo é a simulación da aplicación dunha xeración libre de tabaco, este equipo de investigación tamén constatou recentemente, na Revista Española de Cardiología, que o consumo de tabaco causa arredor de 54.000 mortes anuais en España e, en Archivos de Bronconeumología, que a exposición ao fume ambiental de tabaco causa 750 mortes anuais. “Estes datos están a alimentar os futuros cambios lexislativos no noso país”, subliñan, xa que o consumo de tabaco é a principal causa de morte evitable en enfermidades crónicas. “É imprescindible seguir reforzando e aplicando medidas de control do tabaquismo que contribúan a diminuír o impacto do consumo de tabaco na mortalidade por cancro de pulmón, así como en máis de 20 enfermidades relacionadas co seu consumo”, conclúen.

The contents of this page were updated on 10.03.2024.