Skip to main content

Os premios SEIO-Fundación BBVA recoñecen unha investigación das profesoras Rosa Crujeiras e María Alonso

Rosa Crujeiras e María Alonso, gañadoras do premio SEIO-Fundación BBVA
Rosa Crujeiras e María Alonso, gañadoras do premio SEIO-Fundación BBVA
Estes galardóns premian a creación de novas ferramentas para potenciar a análise de datos e optimizar a toma de decisión

A catedrática de Estatística e Investigación Operativa e directora científica do CITMAga, Rosa Crujeiras, e a profesora axudante doutora de Estatística e Investigación Operativa, María Alonso Pena, ambas as dúas da USC, e a catedrática da Universidade Católica de Lovaina (Bélxica), Irène Gijbels, veñen de ser galardoadas na categoría de Mellor contribución metodolóxica en Estatística nos premios que conceden a Sociedade de Estatística e Investigación Operativa (SEIO) e a Fundación BBVA. Reciben o recoñecemento polo seu artigo ‘A general framework for circular local likelihood regression (Un marco xeral para a verosimilitude local en regresión circular), publicado no Journal of the American Statistical Association (JASA).

Esta investigación propón unha metodoloxía moi xeral para explicar como afectan certas variables estatísticas que se recollen de maneira direccional a unha variable de interese. Por exemplo, se se quere estudar como evolucionan os contaminantes en función da dirección do vento, é clave coñecer o ángulo ao que este sopra en relación aos contaminantes. Da mesma forma, para analizar a resposta neuronal diante de certos estímulos visuais, a dirección destes estímulos é un dato relevante que pode afectar o comportamento das neuronas. Ou ben, segundo o ángulo desde o que se aproxime un depredador, a estratexia de escape da presa pode variar.

En todos estes contextos, a direccionalidade é un ingrediente fundamental na análise estatística, e as propostas que existían ata a data para tratar este tipo de datos tiñan algunhas carencias desde o punto de vista tanto teórico como práctico. Por iso, as investigadoras premiadas propuxeron un método máis xeral, “fundamentado de maneira teórica” –explica Crujeiras– e ademais o seu funcionamento “estudouse en distintos escenarios de simulación para validar o seu uso”.

Disciplinas cruciais para a análise de datos
A Estatística ocúpase da análise de datos, do axuste de modelos matemáticos á realidade, mentres que o obxectivo da Investigación Operativa é optimizar a toma de decisións. Hoxe solicítanse cantidades inxentes de datos en todos os campos de investigación, pero para interpretalos e convertelos en información relevante é necesario nutrir aos cada vez máis potentes computadores cos instrumentos matemáticos adecuados. De aí o auxe actual da Estatística e a Investigación Operativa, as dúas disciplinas que proporcionan as ferramentas cruciais para a análise de datos en todas as áreas da ciencia, e que están na base de avances tecnolóxicos hoxe cotiáns, desde os buscadores da internet ata as apps dos teléfonos intelixentes.

Os premios
Estes premios recoñecen a creación de novas ferramentas transversais para potenciar a análise de datos e optimizar a toma de decisións, con múltiples aplicacións en campos como a intelixencia artificial, a neuroloxía, a ecoloxía, a enerxía renovable, a loxística e a agricultura. Trátase da quinta edición duns galardóns que recoñecen cada ano contribucións españolas de alto impacto internacional en dúas disciplinas cun papel cada vez máis importante na xeración de coñecemento en todas as áreas da ciencia, así como no desenvolvemento de tecnoloxías –como a intelixencia artificial e o big data– indispensables para facer fronte aos grandes desafíos do mundo actual.

Ademais do das investigadoras da USC, nesta edición premiáronse catro traballos, dotados con 6.000 euros cada un, cuxos autores son investigadores en universidades e centros de investigación de Madrid, Cataluña, Valencia, Andalucía e Navarra, e na que tamén colaboran científicos doutros países europeos como Italia, Portugal, Dinamarca e Hungría. As investigacións galardoadas publicáronse en revistas internacionais de referencia, impulsando avances teóricos e metodolóxicos moi significativos.

Xurado internacional
O xurado dos premios, proposto pola SEIO e a Fundación BBVA, estivo presidido por Daniel Peña, catedrático emérito de Estatística na Universidade Carlos III de Madrid; e contou como vogais con Michael Greenacre, catedrático de Estatística na Universitat Pompeu Fabra e na Barcelona School of Economics; Martine Labbé, catedrática de Investigación Operativa na Universidade Libre de Bruxelas (Bélxica); Alfredo Marín, catedrático de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Murcia; María Dolores Ruiz, catedrática de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Granada; e Carla Marina Vairetti, profesora titular de Enxeñaría Civil Industrial na Universidade dos Andes (Chile).
 

The contents of this page were updated on 07.18.2024.