O cribado de fármacos, obxectivo da USC no Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde
O Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS) en Galicia, que se presentou en Santiago estes días, inclúe seis grandes liñas de actuación en medicina personalizada. A directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e catedrática de Farmacoloxía desta universidade Mabel Loza, quen ademais é a directora científica da Fundación Kaertor, é a coordinadora do programa para Galicia e así mesmo lidera para España a liña 3 sobre ‘Plataforma de cribado de fármacos e análises interaccións fármaco-diana’. Esta liña contribúe á identificación de novas dianas terapéuticas e ao desenvolvemento de fármacos específicos personalizados. Tamén é de especial atención a reutilización de fármacos para outras indicacións terapéuticas, é dicir o reposicionamiento de fármacos.
Mabel Loza subliñou que “o plan sitúa a Galicia á vangarda da biotecnoloxía, española e europea, porque nesta gran plataforma tamén estamos conectados con Europa e cada vez tecemos máis esa colaboración” e destacou o carácter colaborativo dos proxectos. En xeral, o desenvolvemento de ferramentas para diagnóstico, prognóstico e terapias avanzadas ou dirixidas en medicina personalizada é o obxectivo principal do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS) en Galicia, que lidera a Fundación Kaertor. O plan, promovido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades dentro do PERTE para a Saúde de Vangarda, e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) inclúe iniciativas agrupadas en seis grandes liñas de actuación,
As universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e os tres institutos de investigación sanitarios (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela -IDIS-, Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, -INIBIC- e Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur –IISGS-) participan como socios no Plan, con 15 proxectos disruptivos sobre descubrimento de fármacos, nanotecnoloxía, terapia celular e aplicación biomédica das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e Intelixencia Artificial (IA). O programa en Galicia ten un orzamento de 3 millóns de euros, dos cales 1.950.000 proceden do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e 1.050.000 da Xunta de Galicia.
Proxectos con selo galego
A finalidade dos diferentes proxectos con “selo galego” e vocación colaborativa interterritorial, é incrementar o coñecemento mediante a identificación e validación de novos mecanismos para curar, o desenvolvemento de modelos de estudo in vitro e a optimización de ferramentas informáticas e de intelixencia artificial para o desenvolvemento de fármacos. Isto inclúe fármacos personalizados e dirixidos para unha medicina de precisión. Coordínanse coa metodoloxía de aceleración no descubrimento de fármacos da Fundación Kaertor, para “desfragmentar” as capacidades investigadoras de Galicia no ámbito, conectando en cada proxecto a ciencia das universidades e dos institutos sanitarios; trátase unha iniciativa global que dá continuidade aos resultados do proxecto Innopharma da USC e á súa sustentabilidade, e está liderada polos coordinadores da Plataforma Innopharma Ángel Carracedo e Mabel Loza.