Skip to main content

Misión, visión e valores

Marco estratéxico do IPsiUS

A misión do IPsiUS é desenvolver investigación básica e aplicada para coñecer, explicar e predicir os procesos cognitivos, afectivos e sociais que sustentan o comportamento humano, así como proporcionar solucións con base científica para mellorar a saúde e o benestar das persoas e, por extensión, das comunidades.

No primeiro ciclo estratéxico, a visión do IPsiUS é chegar a ser un centro recoñecido entre a comunidade científica pola singularidade, calidade e impacto das súas investigacións no campo da Psicoloxía, creando as condicións necesarias para optar á acreditación como Centro de Investigación de Excelencia da Rede CIGUS26. Ademais, na contorna do Sistema Galego de I+D+i aspira a ser un axente clave, con potencial para asumir un papel tractor na definición de políticas e servizos de innovación social nos campos da saúde mental e do benestar das persoas e as comunidades.

O equipo que forma o IPsiUS guíase por un conxunto de valores fundamentais que definen unha identidade compartida e impulsan a súa misión. Estes valores reflicten un compromiso decidido co avance da psicoloxía e o logro dun impacto positivo para as persoas, as comunidades e a sociedade no seu conxunto:

  • Colaboración. As solucións máis efectivas aos desafíos psicolóxicos complexos xorden cando se unen forzas e perspectivas diversas. No IPsiUS fomentamos unha dinámica de traballo integradora, recoñecendo que a combinación de diferentes enfoques e coñecementos enriquece as percepcións individuais e permite abordar os problemas científicos desde ángulos innovadores.
  • Vangarda en todas as dimensións do noso traballo desenvolvido dende o IPsiUS: desde a produción de coñecemento até a práctica psicolóxica. Inspíranos cuestionar o establecido como unha oportunidade para crecer e mellorar. Promovemos a creatividade e a procura constante de novas solucións para abordar os retos cambiantes nos diversos ámbitos da psicoloxía. Así podemos marcar unha diferenza significativa na vida das persoas e contribuír ao avance continuo do noso campo científico.
  • Adaptabilidade. O IPsiUS recoñece a natureza dinámica da psicoloxía. Os desafíos e oportunidades emerxentes requiren unha resposta flexible e receptiva, por iso mantense unha actitude aberta cara á incorporación de novos coñecementos, enfoques e tecnoloxías. Estamos comprometidos coa mellora continua, o que nos permite brindar solucións e servizos accesibles que se axusten de forma continxente ás necesidades das persoas e da sociedade.
  • Responsabilidade. A ética é a pedra angular do IPsiUS. Mantemos os máis altos estándares éticos en todos os nosos esforzos de investigación, docencia e transferencia. Estamos comprometidos coa xeración e o uso responsable do coñecemento psicolóxico. Somos transparentes nas nosas accións e responsables nas nosas decisións. Compartimos en aberto os nosos deseños, metodoloxías e resultados de investigación, contribuíndo a un modelo de ciencia máis inclusiva, transparente e colaborativa.
  • Compromiso, que se estende máis aló das paredes do IPsiUS. Esforzámonos por ser axentes activos de cambio nas comunidades locais e globais ás que servimos. Isto implica que temos en conta a diversidade cultural, social e económica da nosa contorna mentres traballamos cara a obxectivos globais máis amplos, como a sustentabilidade, a xustiza social ou a prosperidade. Medimos o noso éxito polos resultados no mundo real e as melloras na saúde e o benestar que se derivan do noso traballo.

Estes valores constitúen os alicerces fundamentais que guían a investigación, o labor docente e a transferencia de coñecementos que se realiza dende o IPsiUS. Xuntos definen quen somos e o que aspiramos a lograr como Instituto, impulsándonos cara a un futuro no que a psicoloxía desempeñe un papel esencial na mellora significativa da condición humana.

The contents of this page were updated on 08.29.2024.