Skip to main content

A realidade aumentada, unha ferramenta tecnolóxica máis para mellorar a aprendizaxe na Facultade de Enfermaría

A utilización de móbiles ou tabletas coa tecnoloxía da realidade aumentada reforza a aprendizaxe
A utilización de móbiles ou tabletas coa tecnoloxía da realidade aumentada reforza a aprendizaxe
A tese do profesor Carlos Rodríguez Abad revela que o estudantado amosa niveis moi altos de motivación e mellora no rendemento académico cando usa estas tecnoloxías emerxentes

Realidade aumentada é a expresión que utilizamos hoxe en día para describir o conxunto de tecnoloxías que permiten que unha persoa visualice imaxes do mundo real a través dun dispositivo que integra contidos dixitais como datos ou imaxes complementarias. Xa hai varios anos que se emprega na Facultade de Enfermaría compostelá de forma experimental e o resultado do traballo realizado desde o curso 2019/2020 acaba de ser analizado polo profesor dese centro Carlos Rodríguez Abad na súa tese Impacto de la realidad aumentada en la adquisición de competencias del grado de Enfermería.

A investigación foi dirixida pola profesora da Facultade de Enfermaría Raquel Rodríguez González, pois foi nese centro onde se desenvolveu a experiencia co estudantado, e pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación Josefa del Carmen Fernández de la Iglesia, pois neste centro deseñouse a estratexia e estableceuse a mellor forma de levala á práctica. A colaboración entre as dúas facultades permitiu realizar así unha investigación máis completa.

As experiencias coa realidade aumentada na Facultade de Enfermaría compostelá comezaron co estudo das úlceras de extremidade inferior, o tipo máis común de feridas crónicas, que “constitúen un grave problema de saúde a nivel mundial”, segundo indica o profesor Rodríguez Abad, quen lembra que se espera “un marcado incremento da prevalencia nos próximos anos que pode constituír unha ameaza para a saúde pública e tensionar os sistemas de saúde que terán que asumir un sobrecusto importante derivado da atención aos pacientes que as presentan”. Unha metodoloxía docente baseada na realidade aumentada perfilouse como a máis axeitada para a aprendizaxe da valoración e tratamento destas úlceres, pois é “unha ferramenta tecnolóxica prometedora naqueles casos onde se necesite unha visión tridimensional ou inmersión na práctica”.

A aplicación das tecnoloxías de realidade aumentada para a abordaxe das úlceras de extremidade inferior realizouse mediante o emprego de tabletas e teléfonos móbiles intelixentes e recentemente tamén se ampliou o seu uso para a aprendizaxe da electrofisioloxía cardíaca e electocardiografía. Carlos Rodríguez Abad constata que existen “dificultades técnicas para desenvolver materiais docentes”, polo que este tipo de tecnoloxías non se utiliza aínda de forma masiva, pero nos casos nos que si se fai “os resultados son prometedores” e lógrase “maior rendemento académico, niveis máis altos de motivación na aprendizaxe do estudantado, traballo máis autónomo e unha maior atención ás explicacións”.

O profesor sinala que “o equipo de traballo co que iniciamos a experiencia coa realidade aumentada continúa avanzando, temos novas investigacións pendentes de realizar”, e non descarta no futuro que se poida empregar a realidade virtual, “unha técnica inmersiva bastante útil no ámbito das Ciencias Sociais” ou a intelixencia artificial.

Desde hai pouco, ademais, a Facultade de Enfermaría compostelá conta cunha sala de simulación na que se recrearon escenarios coma a atención de pacientes nos servizos de Urxencias ou na súa reanimación, o que incrementa as posibilidades de utilizar as novas tecnoloxías para obter mellores resultados de aprendizaxe.

Josefa Fernández, esquerda, Carlos Rodríguez e Raquel Rodríguez
Josefa Fernández, esquerda, Carlos Rodríguez e Raquel Rodríguez
The contents of this page were updated on 04.01.2024.