Skip to main content

Ciencias da Educación reivindica o papel das mestras na conmemoración do seu patrón, frei Martín Sarmiento

O reitor Antonio López, no centro, presidiu a conmemoración do patrón da Ciencias da Educación. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López, no centro, presidiu a conmemoración do patrón da Ciencias da Educación. FOTO: Santi Alvite
A decana da Facultade homenaxea “as mulleres anónimas que se formaron nesta casa do saber” e que loitaron por ofrecer un ensino de calidade en Galicia

“Temos a fortuna de que a celebración coincida na semana na que tamén festexamos o 8M, unha data na que dende hai máis de 100 anos lembramos os dereitos das mulleres en todos os ámbitos, e mesmo a longa historia de loita nese camiño. As mulleres desta Facultade seguimos tamén nesa loita porque tivemos boas mestras, mulleres anónimas que se formaron nesta casa do saber, sen esquecer nunca que o dereito á educación, á unha educación de calidade, é un dereito fundamental e básico, xa que é indispensable para que as persoas poidan exercer os demais dereitos que lles corresponden”, afirmou a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo Moledo, no acto institucional de conmemoración do patrón do centro, frei Martín Sarmiento, acto que presidiu o reitor Antonio López.

O Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte foi o escenario no que se desenvolveu o evento, no que a decana lembrou que “contamos case 200 anos superando treboadas e duros nordés, pero que fomos quen de resistir e reorientar o rumbo grazas á entrega e compromiso de profesoras e profesores que formaron, primeiro a mestres e mestras, e logo a pedagogos e pedagogas, e mais tarde a educadoras e educadores sociais, que co seu traballo contribúen a un país máis equitativo e xusto”. Mar Lorenzo salientou que “unha boa mostra son os profesores e profesoras aos que hoxe recoñecemos neste acto”, en referencia ás persoas galardoadas co Sarmiento de Honra.

A decana explicou tamén que Ciencias da Educación é segunda facultade máis grande da USC en número de estudantes, sendo máis de 2.000 os matriculados en cinco graos, cinco mestrados e tres programas de doutoramento, e lembrou que en xaneiro de 1974 principiaban os estudos de Pedagoxía nesta Universidade e, consecuentemente, en Galicia, polo que este ano se celebran os 50 anos da súa posta en marcha. Así mesmo, expuxo “unha reclamación que todos os decanos e decanas de Ciencias da Educación elevamos á Administración: a aplicación da máxima experimentalidade aos títulos de grao de Mestre/a de Educación Infantil, grao de Mestre/a de Educación Primaria, así como ao mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas.

Tras o discurso de Mar Lorenzo pronunciou unha conferencia a catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura da USC Aurora Marco López, co título 'Mulleres e educación en Galiza (1875-1936)'. Seguidamente, o secretario da Facultade, Jesús García Álvarez, entregoulles os diplomas a estudantes que obtiveron os Premios Extraordinarios de Grao e Máster do curso académico 2022/2023 e de Doutoramento do curso académico 2020/2021: Sara Montero, Aída Raíndo, Inés Merayo, Ninotchka Fuentes, Serxio Estévez, Nicolás Avendaño, Inés Ramos, Iago Codesido, Paola Abalo, Yolanda Suárez, Gabriela Míguez e Ana Vázquez.

Finalmente o reitor Antonio López entregoulles o Sarmiento de Honra pola súa traxectoria na Facultade de Ciencias da Educación a Eduardo Fuentes Abeledo, Jorge García Marín, Cristina Abeal Pereira e Lucía Iglesias da Cunha (In memoriam). Rematou o evento cunha actuación musical e a clausura polo reitor.

 

Familiares de Lucía Iglesias da Cunha, esquerda, Eduardo Fuentes Abeledo, Jorge García Marín e Cristina Abeal Pereira, na primeira fila do salón de actos. FOTO: Santi Alvite
Familiares de Lucía Iglesias da Cunha, esquerda, Eduardo Fuentes Abeledo, Jorge García Marín e Cristina Abeal Pereira, na primeira fila do salón de actos. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 03.11.2024.