Skip to main content

As Faíscas Culturais alumean a figura de Manuela Rey, a actriz galega que se converteu na estrela lisboeta do XIX

Manuela Rey naceu en 1842 e finou aos 23 anos como primeira actriz do Teatro Dona María II
Manuela Rey naceu en 1842 e finou aos 23 anos como primeira actriz do Teatro Dona María II
Diferentes intervencións nas facultades de Ciencias da Educación, Xeografía e Historia, Filoloxía e Medicina e Odontoloxía servirán para afondar na traxectoria vital e profesional da artista dende unha perspectiva interdisciplinaria
Santiago de Compostela

Manuela Rey, galega nada nunha parroquia de Mondoñedo, foi a grande estrela lisboeta de mediados do século XIX. Naceu en 1842 e finou aos 23 anos como primeira actriz do Teatro Dona María II, deixando unha traxectoria vital e profesional aínda moi descoñecida. O afondamento na súa figura serve para acender unha nova vaga das Faíscas Culturais, a primeira de 2024, coa que a USC leva ás aulas intervencións artístico-pedagóxicas coas que fomentar a reflexión e o espírito crítico do estudantado. Nesta ocasión, a Faísca 'Manuela Rey is in da USC' que abordará dende diferentes disciplinas os múltiples perfís da vida e obra de Manuela Rey, levarase a cabo nas facultades de Ciencias da Educación, Xeografía e Historia, Filoloxía e Medicina e Odontoloxía.

A charla de Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego (CDG), este luns 19 na Facultade de Ciencias da Educación, engádese a unha serie de intervencións coas que a USC verterá luz sobre a vida da actriz mindoniense. De feito, unha produción compartida, liderada polo CDG e que conta coa dirección e dramaturxia do propio Núñez, arredor de Manuela Rey, estrearase o vindeiro 14 de marzo no compostelán Teatro Principal, desenvolvéndose o día anterior un pase especial dirixido á comunidade universitaria. Un equipo artístico galego-portugués erguerá o pano deste espectáculo, estreado recentemente en Portugal.

Didáctica das artes

A Faísca que tivo lugar en Ciencias da Educación serviu para que o estudantado, dende a perspectiva da didáctica das artes, coñecese “quen era Manuela Rey, a Muller-Lirio, con todo o que era e representaba, como actriz, como autora, como emigrante e tamén coa idea de identidade, retrato, icona, xénero...”, explican dende a organización dunha Faísca que serve de marco para a elaboración, por parte do estudantado, de intervencións artísticas sobre a imaxe de Manuela Rey con vontade de outorgarlle visibilidade. Así, elabóranse dez bustos de 1x1 metros que se exhibirán en diferentes espazos da cidade, comezando pola Praza de Praterías e a Casa do Cabido o mércores 6, ás 18.00 horas. A segunda instalación colectiva terá lugar, baixo o lema ‘Unha postal para a muller lirio,’ o 7 de marzo ás 13.00 horas na entrada de Ciencias da Educación.

A seguinte actividade do centro nesta materia titularase ‘Un percorrido creativo con lingua, música e arte do S.XIX’ e terá lugar o 19 de marzo, ás 18.00 horas, no Salón de Actos da Facultade. Finalmente, a intervención ‘Imaxinando a Manuela Rey: creación de biografías ilustradas e propostas escénicas para a infancia’, o 10 de maio ás 10.30 horas, tamén terá lugar no Salón de Actos do centro.

Contexto histórico

Axudar a comprender o contexto histórico na Lisboa de mediados do XIX é a misión da Faísca que Xeografía e Historia acolle o 4 de marzo. Neste senso, Domingo González Lopo impartirá o relatorio ‘As migracións urbanas: Lisboa como destino na época moderna’. A relevancia da migración galega a Portugal nesa época “é realmente importante, e no século XIX, o papel que xogou no mundo social e cultural foi moi destacada”, sinalan dende o centro. A actividade desenvolverase en dúas quendas ás 17.00 (Aula 8) e 18.00 horas (Aula 6).

Literatura portuguesa

A proposta de Faísca artellada dende a Facultade de Filoloxía desenvolverase no marco das materias Literatura portuguesa e Socioloxía das literaturas de lingua portuguesa. Dende a primeira aproximaranse ao contexto da literatura portuguesa do século XIX, co teatro como fío condutor (18 de marzo ás 9.00 horas) e dende a segunda abordarase os hábitos culturais da sociedade portuguesa na segunda metade do século XIX, co teatro como espello e exemplo (20 de marzo, 9.00 horas).

A Facultade de Medicina e Odontoloxía serviu de preámbulo a esta nova vaga de Faíscas. Así, Mónica Pérez Ríos, profesora de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, abordou en dúas sesións que tiveron lugar este mes de febreiro o impacto das pandemias na mortalidade do século XIX. A programación desta vaga de Faíscas Culturais, integrada dentro da Primavera Cultural da USC, complétase cunha edición especial da Nerd Nite, o vindeiro 6 de marzo, ás 20.30 horas, no Pub Riquela. Máis adiante, Ciencias da Comunicación e Psicoloxía desenvolverán outra vaga diferente de Faíscas baixo o lema ‘Talent vs Show’.

The contents of this page were updated on 02.19.2024.