Skip to main content

A Olimpíada Solidaria trocará horas de estudo por euros que se investirán no tratamento da saúde mental no Congo

A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través da cal a mocidade pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación. Imaxe de arquivo da biblioteca de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través da cal a mocidade pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación. Imaxe de arquivo da biblioteca de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
Do 15 de febreiro ao 15 de marzo, o estudantado poderá intercambiar o tempo que pase nas bibliotecas da USC por euros cos que se financiará a formación de profesionais para o restablecemento psicolóxico das vítimas dos conflitos bélicos na provincia de Kivu Sur
Lugo, Santiago de Compostela

A vixésima edición da Olimpíada Solidaria de Estudo bota a andar na USC este xoves 15 e estenderase ata o vindeiro 15 de marzo. A través desta iniciativa, o estudantado poderá trocar as horas de estudo por euros que serán investidos na formación de profesionais en saúde mental para o restablecemento psicolóxico das mulleres, menores e sobreviventes, vítimas dos conflitos bélicos da provincia de Kivu Sur (República Democrática do Congo).

O estudantado que desenvolva o seu tempo de estudo nas bibliotecas da Universidade, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, pode rexistrar as horas que invista a través dun código QR que estará ao lado do cartel da Olimpíada na entrada da biblioteca. Por cada hora de estudo rexistrada, a persoa usuaria doará 1 euro ás entidades patrocinadoras.

No Campus de Santiago participan as bibliotecas Concepción Arenal, Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Enfermaría, Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química, Xeografía e Historia e Biblioteca Xeral. No caso do campus de Lugo, as bibliotecas participantes son a Intercentros e Formación do Profesorado.

Tratamento do trauma

En concreto, formaranse 8 doutoras/es, 8 enfermeiras/os, 8 psicólogas/os e 8 asistentes sociais en “técnicas modernas no tratamento do trauma”, para atender unha poboación de 2.520 persoas, das cales unha alta porcentaxe son mulleres, nenas e nenos. Coopera Congo (COCO) a través do seu Centro Psicosocial Mutima África, especializado en tratamento de traumas severos, poñerá en marcha outras tres clínicas avanzadas en atención psicosocial para centos de vítimas dos conflitos bélicos na rexión de Kivu Sur. Haberá un punto permanente de atención no propio Centro Psicosocial de Mutima África onde se atenden, desde hai varios anos, vítimas de violencia de xénero, violencia sexual e diferentes traumas causados polos grupos rebeldes establecidos no Parque Nacional de Kahuzi-Biega.

O persoal médico recibirá unha formación extra en diagnose e farmacoloxía psicotrópica. Calcúlase que será atendida unha poboación de 2.520 persoas, fundamentalmente mulleres e nenos, en terapia individual, mentres que a/o asistente social realizará sensibilización da comunidade, a través de conferencias en radio e reunións comunais cos líderes das zonas.

A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través da cal a mocidade pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación. Na última edición houbo unha participación de 1.827 estudantes e unha recadación de 6.025 euros/horas destinadas ao proxecto de axuda humanitaria en diferentes zonas afectadas pola guerra en Ucraína.

The contents of this page were updated on 02.27.2024.