Alumnado de Ciencias da Educación colabora na creación de materiais didácticos adaptados a persoas con diversidade funcional
Máis de medio cento de estudantes da USC participaron este curso nun proxecto de deseño, elaboración e avaliación de materiais didácticos adaptados a persoas con diversidade funcional, no marco dun proxecto da Facultade de Ciencias da Educación da USC coa Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber). Estes materiais didácticos son destinados ás persoas de todas as unidades, áreas e servizos da entidade e tamén aos colexios rurais agrupados (CRA) da contorna da vila de Carballo, e responden á necesidade social de ter materiais inclusivos e diversos.
Ante a necesidade de abordar a escaseza de recursos educativos e a ausencia de formación específica para profesionais que traballan con alumnado con diversidade funcional, desde o inicio deste curso académico máis de medio cento de estudantes da USC tomaron parte neste proxecto de aprendizaxe-servizo, procedentes das materias ‘Deseño e elaboración de materiais didácticos’ e ‘Deseño e avaliación de materiais didácticos’, nas que desenvolveron proxectos innovadores en formato impreso e dixital, baixo a dirección do profesorado: Jesús Rodríguez Rodríguez, Ana Rodríguez Guimeráns e Silvia López Gómez.
Na materia de ‘Deseño e elaboración de materiais didácticos’ elaboráronse recursos específicos tanto para Aspaber como para os CRA da contorna de Carballo, maioritariamente relacionados co proceso da lectoescritura, entre os cales destacan: Pioneiros das letras; Unha viaxe pola lectura e a escritura; Libro sensorial Vogais; Socializamos como animais; e Xogo para palabras. O alumnado de ‘Deseño e avaliación de materiais didácticos’ desenvolveu recursos para o Centro Ocupacional Aspaber, fundamentalmente centrados no uso seguro da tecnoloxía e os hábitos saudables, con títulos como: Rulamos!; EduWhatsapp; O xogo do autobús; Nutri-Pirámide; O xogo dos sons; Sorrisos en movemento; e coidaTIC! A maiores, aproveitando este evento, o alumnado de cuarto curso de Pedagoxía da materia ‘Formación en Rede’ presentou o recurso CO.DI: Mentes dixitais en crecemento, destinado a familias con infantes de tres a seis anos para fomentar o uso seguro e responsable da tecnoloxía. Estes recursos son susceptibles de ser empregados por outras entidades que os soliciten no futuro.
Recentemente tivo lugar no Fórum de Carballo a entrega de materiais didácticos elaborados polo alumnado de cuarto curso do Grao de Pedagoxía e cuarto curso do Grao en Mestre de Educación Infantil e en Mestre de Educación. A este evento asistiron tanto profesorado e estudantes da USC, como profesionais e usuarias e usuarios de Aspaber, así como familiares, amizades e mesmo membros da corporación municipal do Concello de Carballo e profesionais da educación, entre eles o alcalde Evencio Ferrero Rodríguez e a directora do CRA Ponte da Pedra Teresa Rodríguez.