Skip to main content

Un congreso analiza os retos da didáctica da lingua e a literatura na era da intelixencia artificial e os 'booktubers'

Inauguración do congreso da SEDLL. FOTO: Facultade de Ciencias da Educación
Inauguración do congreso da SEDLL. FOTO: Facultade de Ciencias da Educación
Ferramentas TIC para mellorar a ortografía, uso de cancións pop como estratexia auditiva ou aprendizaxe a través das redes sociais son algunhas das experiencias que se comparten na Facultade de Ciencias de Educación ata o venres

O emprego das novas tecnoloxías na ensinanza ocupa un lugar destacado entre as conferencias e comunicacións que compoñen o XXIV Congreso Internacional da Sociedade de Didáctica da Lingua e a Literatura (SEDLL) que se desenvolve ata o venres 1 de decembro na sede do Campus Norte da Facultade de Ciencias da Educación. Preséntase baixo o lema ‘A Didáctica da Lingua e a Literatura ante o reto da nova lei educativa’ e está organizado pola área de Didáctica de Lingua e Literatura do Departamento de Didácticas Aplicadas da Facultade de Ciencias da Educación compostelá.

Entre as máis de 150 charlas e presentacións inclúense temas coma comparación entre a capacidade de redacción das intelixencias artificiais fronte á de docentes do futuro, o desenvolvemento do hábito lector en inglés a través da promoción das videorreseñas de booktubers ou o deseño de ferramentas tecnolóxicas para deseñar un sistema de adestramento ortográfico destinado a persoas de lingua inicial portuguesa que queiran aprender a lingua española. Tamén se analiza o desenvolvemento de destrezas e estratexias auditivas a través de cancións pop na clase de lingua estranxeira, a aprendizaxe e a investigación lingüística a través das redes sociais ou a práctica de xogos en liña como xeito de aprendizaxe.

Haberá tamén espazo para o estudo polo miúdo de protagonistas da literatura escrita ou oral e a súa conexión co mundo audiovisual, por exemplo unha aproximación á figura da bruxa no imaxinario colectivo, as posibilidades didácticas da serie ‘La casa de papel’ ou o emprego de radioteatro na educación secundaria.

Entre as propostas máis destacadas do congreso tamén figura a mesa redonda que se desenvolverá este xoves 30 a partir das 16.00 horas no Salón de Actos da Facultade baixo o lema ‘O fomento da lectura: a eterna materia pendente’, que modera a profesora da USC Montse Pena Presas.

Inauguración do congreso da SEDLL. FOTO: Facultade de Ciencias da Educación
Inauguración do congreso da SEDLL. FOTO: Facultade de Ciencias da Educación
The contents of this page were updated on 11.29.2023.